GALICIA

Adif suspende unha reunión prevista para o luns co alcalde de Santiago, que espera explicacións e "outra data"

Noriega apuntou que espera explicacións que o departamento dixo que daría este venres -a cancelación produciuse o xoves- e que confía tamén en que se fixe "outra data" para a cita

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento, suspendeu unha reunión prevista para o próximo luns co alcalde de Santiago, na que, segundo explicou o rexedor, Martiño Noriega, se ía abordar un asunto "non menor" como o da estación intermodal que pretende para Compostela.

En concreto, o encontro ía producirse ás 17,00 horas entre Noriega e o concelleiro responsable da área de urbanismo, Jorge Duarte, co director xeral de Explotación e Construción de Adif, Javier Gallego; e coa directora xeral de recursos humanos e secretaria xeral e do consello, Alicia Portas.

Preguntado en rolda de prensa, Noriega apuntou que espera "explicacións", que o departamento dixo que daría este venres --a cancelación produciuse o xoves-- e que confía tamén en que se fixe "outra data" para a cita e que este movemento non responda a unha estratexia de Fomento para obstaculizar a acción de goberno de Compostela Aberta.

"Vou dar unha marxe de confianza, porque, se non, estariamos a empezar con mal pé e sería actuar de mala fe", destacou o rexedor, quen asegurou que, de non haber unha nova convocatoria nos próximos días, pedirá el mesmo "unha conversación directa coa ministra", Ana Pastor.

Sobre Pastor, Noriega constatou que é "coñecedora" da transcendencia desta cuestión para a capital galega, polo que mostrou a súa confianza acerca de que se poida encadrar a entrevista noutras "datas", pero "con urxencia".

O alcalde santiagués recordou que o proxecto que deixou o anterior rexedor, Agustín Hernández, estaba presupostado en 15 millóns de euros pero "non contempla a aposta pola intermodal", que é un obxectivo que el si se fixa, ao entender que a cidade require unha estación destas características e que "non sexa un parcheado" á situación existente.

"SOLUCIÓN Á MOBILIDADE"

Neste sentido, resaltou que o que quere é "reconducir" eses "fondos" e a "vontade política", polo que na súa viaxe requirirá "unha solución á mobilidade" que satisfaga a pretensión da estación intermodal, que, dixo, xera "amplo consenso" entre a cidadanía.

Aínda que avogou por "non dramatizar" e especulou con que a suspensión debeu de estar motivada por motivos "de axenda", Noriega incidiu en que Santiago precisa "recuperar un proxecto integral" para a estación e en que espera "ter sintonía" co ministerio.

Te puede interesar