O alcalde da Fonsagrada confirma que o lume xa foi controlado

O alcalde do municipio lugués da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández, confirmou que o lume que arrasou no seu municipio unhas cincocentas hectáreas de monte, e que mesmo obrigou a Xunta de Galicia a activar o nivel 1 de alerta, quedou controlado polos servizos de extinción, que traballaron sen descanso durante toda a noite.
Nunhas declaracións ós medios, o rexedor local agradeceu o traballo das persoas que están a participar na extinción do incendio e afirmou que 'os medios traballaron ben, coordinados e houbo medios suficientes' para facerlle fronte ao lume, un dos peores do verán na provincia de Lugo.

Lembrou, en todo o caso, que 'nunha zona como esta', coa 'orografía que ten, a seca e o vento que sopraba', o lume provocou 'serios problemas'.

Por iso, lamentou que 'desafortunadamente' haxa xente sen escrúpulos 'que non teñen ningunha conciencia ambiental', que 'prende lume' ao monte nun lugar onde os traballos de extinción son moi complicados, pola orografía do terreo, e nun momento en que fai moito dano 'pola seca e o vento'.

'Non se decatan de que o lume arrasa con todo', concluíu.

Te puede interesar