O Alcalde de Oia 'confía' na palabra do concelleiro que exculpa a un presunto incendiario

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, 'confía' na palabra do concelleiro de Medio Natural e Rural, Camilo González, quen exculpa o pastor detido polo incendio que arrasou máis de 1.800 hectáreas porque asegura que cando comezou o lume estaba con el, a cinco quilómetros de distancia.
Rodríguez eludiu estenderse, durante a visita ás obras do novo hospital de Vigo, en valoracións sobre a detención e posterior saída en liberdade con cargos do veciño de 74 anos, a quen a Garda Civil sinala como responsábel do lume e apunta o móbil de rexenerar pastos.

O alcalde de Oia remitiuse á investigación xudicial aberta e evitou dicir nada que poida 'axudar nin prexudicar' o detido e as pescudas.

Ao ser preguntado polas palabras de Camilo González, que ademais é vixiante forestal e presidente da comunidade de montes de Burgueira, dixo: 'se o compañeiro o di así, debo confiar niso'.

As investigacións sobre o incendio que queimou máis de 1.800 hectáreas en Oia no pasado agosto apuntan a que tras o lume podería haber a intención de rexenerar pastos.

A Garda Civil asegura que a investigación dos especialistas do Seprona, en colaboración co departamento do Medio Rural da Xunta, permitiu determinar o punto exacto en que comezou o lume, nuns matos da pista que sobe de Burgueira ao alto da Pedrada.

Os especialistas concluíron que o lume foi intencionado e apuntan a que se iniciaría aplicando unha chama directa sobre o terreo, sen ningún outro tipo de dispositivo sofisticado.

Durante quince días de pescudas foron acometidas probas de laboratorio e de campo.

As investigacións e os testemuños solicitados entre máis dunha vintena de persoas, así como as 'contradicións descubertas' durante as dúas tomas de manifestación que se lle practicaron ao detido e a outros achegados apuntaban á súa posíbel vinculación coa comisión dos feitos.

Te puede interesar