ENTREVISTA

Anxo Quintana: "O acordo do BNG co PSOE é ‘top', máis do que puidemos propoñer"

Anxo Quintana fala na mesa do comedor do Pepiño, que recolleu para facer a entrevista (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Anxo Quintana fala na mesa do comedor do Pepiño, que recolleu para facer a entrevista (ÓSCAR PINAL).
Vicepresidente da Xunta no Goberno bipartito, ex portavoz nacional do BNG, asegura que "Ana Pontón ten humildade para ser presidenta"

"Ves con fotógrafo. Eu pensei que querías tomar un café pero resulta que é unha entrevista". Anxo Quintana semella sorprendido polo recuperado interés periodístico logo do primeiro Goberno de coalición no Estado. Manda pasar ata o fondo do Pepiño, establecemento no centro de Ourense que pertence ao grupo hosteleiro que dirixe. O "Vice", como o chamaron durante os tres anos e medio , recolle os cubertos e a vaixela dunha mesa que da a un patio mentres alega que non contaba co asalto. O momento non pode ser máis acaído para a conversa. Como alcalde fixo de Allariz un modelo de rehabilitación urbanística con recoñecemento europeo, como portavoz nacional do BNG acadou á vicepresidencia da Xunta do Goberno bipartito ao tumbar a un Fraga ao que lle caían os anos, entregou a dirección orgánica cando Núñez Feijóo recuperou San Caetano para o PP no 2009, hai tres  abandonou desencantado o BNG e o nas pasadas municipais fixo as paces co pasado ao aceptar ir de último na lista de Allariz que encabezaba Cristina Cid, a su exparella e nai dos seus fillos. E aquela etapa do Goberno bipartito estará na campaña das eleccións galegas deste ano. Polo ventanal entra unha luz mansa de inverno. 

Está preparado para volver recibir paus de Feijóo na próxima campaña?

A min? Despois de dez anos. Pero que fixen eu agora?

Como é o día a día de Anxo Quintana? Bota de menos a primeira liña política?

Con total sinceridade, nada en absoluto. Interésome pola política, procuro estar informado, non nego que a veces gustaríame opinar, pero vitalmente síntome moi lonxe da miña vida anterior, moi, moi lonxe. Son o xerente dunha sociedade que ten tres restaurantes e unha tenda gourmet, temos 20 traballadores e iso é unha complexidade bastante grande. Traballo cada día máis, moi centrado nesta actividade. 

Pasando por Allariz de camiño aquí pensei que se a revolta coa que chegou a alcalde é hoxe, igual acaba no caldeiro. 

Igual non, con total é absoluta seguridade. E algo que teño comentado algunha vez cos compañeiros porque é un síntoma da involución antidemocrática na política estatal. Tal cual están as cousas hoxe, o que sucedeu no 89 en Allariz, que non deixou de ser unha mobilización popular, seguramente acabaría con varios dos que alí estabamos sentandos no banquillo, como tamén estivemos por outra parte. Fumos acusados de sedición, a Audiencia Provincial absolveunos, a Fiscalía recorreu e no Tribunal Supremo tamén nos absolveron de sedición, pero cunha multa por desordes públicos. A  min meteume unha suspensión de seis meses, pero non por sedición, o Tribunal Supremo que agora acaba de dicir que é sedición o de Cataluña. Seguro que hoxe a valoración xurídica daquilo sería diferente, pero tamén sería diferente a valoración mediática. É auténticamente deprimente.

Que lle parece o Goberno de coalición? 

Paréceme o único posible. Creo que non é unha cuestión menor porque en política ao final o que hai que xestionar son as posibilidades reais, non as imaxinarias.

A negociación do acordo de investidura situou o foco no regreso do BNG ao Congreso.  

Vaia se se nota xa. O acordo acadado polo BNG paréceme sorprendente. E moito máis do que en calquera momento puidemos conseguir,  moito máis do que nin sequera puidemos propoñer. É o "top" dos acordos. Para min o máis relevante é o compromiso político de que o status de Galicia na evolución do Estado estará sempre a nivel de Euskadi é Cataluña. O problema de Galicia no Estado non é de esquecemento ou marxinación. Eu non vexo a ningúen que queira mal en Madrid aos galegos. O problema é que temos una estrutura social, económica e xeográfica totalmente distinta. Imos ter ministras galegas e estou seguro de que o van facer moi ben, pero non vai ser suficiente para solucionar os problemas de Galicia. O autogoberno é unha cuestión pragmática, non só nacionalista. A debilidade do acordo é que foi poisible por unha situación matemática circustancial, só seremos sempre decisivos con seis ou sete deputados. 

"Ana Pontón ten humildade para ser  presidenta"

En Marea xa tivo seis e cinco deputados. 

Pero En Marea nunca foi unha forza política exclusivamente galega, foi unha forza política progresista, con moi boas intencións, seguro que con xente nacionalista dentro, pero en Madrid o que fixo, e tería os seus motivos, foi incluírse na dinámica política estatal pensando que a existencia dun goberno progresista en Madrid xa solucionaría os problemas de Galicia. Ou os solucionamos nós promovendo o noso autogoberno ou non van ter solución.

Dende a súa experiencia no bipartito, que problemas poden xurdir no Goberno de coalición ou que terían que evitar?

O problema máis grande que vai ter o Goberno, e que xa está tendo e espero que enfrenten con determinación, é vencer á cultura política dominante no Estado que sempre interpreta o goberno dun partido como un goberno solvente, o goberno de varios partidos igual a lea. É unha cultura franquista, nin máis nin menos. A teorización do poder que facía Franco  foi absorbida pola democracia e non transformada. Unha teorización que sempre favorece á dereita e que a ten utilizado tamén o PSOE e a defenden moitísimos periodistas.  Incluso parte da sociedade progre tamén está convencida de que "varios partidos es un problema". Teñen que ser capaces de enfrentarse a esa cultura e non vale dicir "no tuvimos más remedio". Non, non non. Isto é mellor que o outro. Este Goberno reflexa moito mellor a pluralidade da sociedade. É unha grandísima oportunidade.  A cidadanía foi bastante máis intelixente que a súa representación política. E deberían de tomalo así, botando peito e evitando calquera tipo de complexo porque a avalancha vai ser terrible. 

E na convivencia? 

Sería importante que as dúas partes tiveran en conta que nos gobernos de coalición hai un único presidente e iso é incuestionable; pero hai dous líderes, e iso tamén é incuestionable. É bo, ademáis. Terían que estar as dúas partes moi preocupadas porque as dúas tiveran visibilidade na acción de goberno, e ademáis eu creo que a parte maioritaria debería de ser a máis interesada e a máis preocupada en que a parte minoritaria tivera a súa visibilidade e o seu espazo. Se cometen o error e a tentación de intentar minusvalorar ou ocultar ao outro causará un problema seguro. E non merce a pena, ademáis porque non ten ningún sentido.

Na campaña electoral galega nin vostede nin o presidente Touriño foron capaces de contrarrestar a etiqueta de bigoberno que lles colgou Feijóo. 

A política consiste en iso. O PP non podía cuestionar a xestión do goberno porque foi unha xestión boa, e creo que nalgúns aspectos incluso brillante; en comparación cos anteriores moito mellor e se o comparamos co que veu despois estamos falando da Champions e da Terceira. Que se me perdoe a soberbia, pero aos feitos me remito. O problema é que o PP é un partido cunha gran introdución social en Galicia e con todo a favor, medios de comunicación dispostos a repetir ese argumento pero non porque llo ordenen, senón porque o comparten. Nós peleamos contra todo iso e está claro que non vencimos.Creo que foi unha evidencia máis de que unha cousa é gobernar e outra ter o poder. Nós gobernamos, pero o poder nunca o tivemos. O poder sigueo tendo o PP ou o mundo social do Partido Popular. E efectivamente foi unha loita democrática que gañou o PP. Gañouna con todo o “fair play” que se esperaría? Pois non. Eu moitas veces teño pensado que con todo ao seu favor e con todo a súa disposición para gañar, tivo que reucurrir as malas artes para gañarnos. Pois tan malos non éramos.  

Vostedes saían dende o Goberno, Feijóo fixo unha campaña moi dura e agora ten unha imaxe de moderado para a esquerda e de progre para a ultradereita...

Xa case non nos acordamos, pero antes do 2009 estaba tremendamente mal visto que nunha campaña electoral se tocara a vida persoal de calquera candidato. Quen o facía era denostado absolutamente por todo o mundo. A primeira vez que se introduce ese modelo americano de reality show é nas galegas. Ao PP saíolle ben e saíolle gratis. A partir de aí fixo escola. É unha pena que foramos niso vangarda. O de que Feijóo sexa moderado é un síntoma máis de que efectivamente somos unha colonia e se nos utiliza para canto experimento hai que facer. Feijóo é moderado igual que Fraga era autonomista. As dúas cousas son unha mentira, pero unha mentira creada pola progresía madriñeña para meterlle o dedo no ollo ao líder do PP que está nese momento en Madrid.

Ve por primeira vez a Feijóo en dificultades para repetir?

Claramente. A mocion de censura a Rajoy levou aparellado unha recomposición do panorama político do Estado e tamén en Galicia. A importancia do cambio é que o PP aparece en Galicia por primeira vez en moito tempo como unha forza política vulnerable. Xa non é imbatible. Agora cando se celebran eleccións o raro é que o PP gañe e máis por maioría absoluta. Non ten poder nas cidades, perdeu poder nas deputacións, ten menor poder no ámbito estatal. Creo que é un momento moi bo para que se produza un cambio en Galicia. 

Como ve ao BNG?

Cunha grandísima virtude e unha grandísma victoria que hai que achacar, "al César lo que es del César",  á actual dirección e foi a capacidade para resistir. Houbo un momento no que todo o mundo daba por perdido ao nacionalismo organizado e vaticinaba a súa morte, pero foron capaces de resistir e haino que agradecer. Eu espero que o BNG evite calquera tipo de complexo e se lance a gañar. Porque pode gañar, sen ningún xénero de dúbida. Non hai nada escrito que impida que o nacionalismo gañe unhas eleccións en Galicia. 

Tería que  ser con forzas como Anova...

Francamente eu creo que non. Non creo que hoxe o ensanchamento do campo do nacionalismo pase pola articulación de coalicións electorais. O  nacionalismmo sempre tivo, e non é de agora, a débeda pendente de seducir a milleiros de persoas que non son nacionalistas pero non son antigalegas e queren o mellor para Galicia. Ese é o gran campo do nacionalismo.

Gústalle a candidata Pontón?

Ana é unha persoa preparada, con empatía, e ten unha característica moi importante para poder ser presidenta: é unha persoa humilde, exenta de soberbia. É unha cualidade que lle vexo e que me resulta difícil identificar no resto de candidatos. 

Anxo Quintana quédase no comedor poñendo a mesa. Na súa sociedade dirixe a 20 traballadores. 

Te puede interesar