GALICIA

Aparece morta unha balea nunha praia de Lugo

A balea, atopada nunha cala próxima á praia de Limosa, foi remolcada ata o porto de San Cibrao
Unha balea a piques de varar apareceu morta este domingo nunha cala próxima á praia de Limosa, no municipio lucense de Cervo. Así, unha patrulla da Garda Civil deu o aviso sobre as 10,00 horas desta mañá e ao lugar dos feitos desprazouse un equipo de especialistas para tratar de retirar o corpo do cetáceo da zona.

Segundo informaron fontes do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo, o animal atopábase varado nunha zona de difícil acceso para embarcacións, polo que tiveron que mobilizarse dous equipos, un por terra e outro por mar a través dunha moto de auga.

Pola súa banda, a balea foi remolcada até o porto de San Cibrao, onde está á espera de que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños(Cemma)lle practique unha necropsia.

As mesmas fontes indicaron que tres días antes deste achado avistouse outro mamífero de dimensións similares nadando pola zona, polo que sospeitan que se poida tratar do mesmo exemplar. Non obstante, existen dúbidas por "cuestións de tamaño", afirmando que este exemplar é "máis pequeno" que o atopado o pasado día 25 pero non descartan que se trate do mesmo.

Te puede interesar