Audiencia imputa a Sousa por negativa e resistencia á supervisión da CNMV

O Xulgado Central de Instrución número 5 de Madrid da Audiencia Nacional ampliou a imputación do ex presidente da Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, por presunto delito de negativa ou resistencia á actuación supervisora ou inspectora (artigo 294 CP), neste caso da CNMV.
Segundo figura no auto a que tivo acceso Efeagro, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) remitiu á Fiscalía o expediente sancionador incoado polo comité executivo da entidade no día 16 de maio de 2013 contra o ex presidente da Pescanova e outros responsábeis da compañía.

O expediente foi aberto pola presunta comisión dunha infracción moi grave prevista na Lei do mercado de valores por 'negativa ou resistencia á actuación supervisora ou inspectora da CNMV'.

Segundo a Fiscalía, os feitos obxecto do expediente administrativo poderían ser constitutivos dun delito do artigo 294 do Código penal, aínda que só con respecto a Manuel Fernández de Sousa.

Manuel Fernández de Sousa está imputado no caso Pescanova por presuntos delitos de falseamento de información económico-financiera, falseamento de contas anuais e uso de información relevante.

Nestes momentos hai oito querelas admitidas na Audiencia Nacional no caso Pescanova, tres adhesións a estas querelas e tres denuncias que en conxunto alegan un prexuízo superior aos 93,64 millóns.

Pescanova está en concurso de acredores baixo a administración concursal de Deloitte cunha débeda financeira líquida de 3.281 millóns con máis de cen bancos acredores, e o seu buraco patrimonial é de 927 millóns.

O xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz impuxo unha fianza civil de 1.200 millóns de euros a dez directivos e seis sociedades da Pescanova, entre eles o seu ex presidente Manuel Fernández de Sousa, quen terá que pagar 178.856.577 euros.

Ruz considera que hai suficientes indicios de criminalidade contra estas persoas como para lles impor as fianzas por este caso, que investiga o suposto falseamento das contas da compañía agroalimentaria que despois entrou en concurso de acredores.

Segundo o escrito, os administradores da Pescanova utilizaron información das contas anuais e informes económicos da entidade 'que non se axustaban á realidade' para proporcionar 'publicamente unha imaxe irreal da súa situación económica e patrimonial'.

Sinala que, ao mesmo tempo que se animaba a investir na compañía, 'algúns querelados, co fin de evitar perdas nos seus patrimonios persoais e plenamente coñecedores da verdadeira situación económica da entidade, venderon accións da Pescanova antes de que esta situación fose dada a coñecer publicamente'.

Te puede interesar