Aymerich, proposto por +Galiza para capitanear o BNG, avoga por unha asemblea de 'consenso e unidade' pero sen 'apaños'

Foto: EFE
Considera que 'non se debe perder un segundo' no conselo en debater que Guillerme Vázquez poña o seu cargo a disposición
O voceiro parlamentario do BNG e líder de +Galiza, Carlos Aymerich, que será proposto este sábado pola convención nacional da súa formación para ser o referente no proceso asambleario da fronte, aposta por que as distintas correntes e sensibilidades celebren un plenario de 'unidade', porque chegar á confrontación 'non sería o mellor escenario'. En todo caso, remarcou que o 'consenso' que demanda non significa buscar 'un apaño', e subliñou que o Bloque 'precisa cambios' que, para aplicarse, 'deben ser decididos entre todos, cun acordo claro e leal'.

Así, en rolda de prensa este xoves para presentar a convención do sábado, no que se debaterán as propostas políticas coas que traballará esta corrente integrada no seo da formación, Carlos Aymerich reafirmou o seu compromiso con traballar dentro da formación frentista afirmando que +Galiza 'non baralla saír do Bloque'. '+Galiza existe, e así fomos creados, para traballar dentro do BNG, non barallamos outra opción, especificou.

Nunha etapa, a de agora, que el enmarca na necesidade de mirar 'o futuro', o dirixente político apelou a un refrán para explicar a súa disposición a liderar un proxecto renovado no BNG. 'A mellor forma de saltar un muro é tirar a carteira. Nós o que facemos é facer esa aposta', explicou, para, a liña seguida, aclarar que 'é o consello político o que propón' que sexa el quen lidere a proposta.

'Non son eu o que me postulo', apostilou Carlos Aymerich que, preguntado polo actual voceiro nacional non é a súa aposta para liderar o futuro do BNG, respondeu: 'Guillerme Vázquez é o meu voceiro nacional, porque foi elixido na asemblea de 2009 co 55 por cento dos votos e é sabido que eu encabezaba a candidatura que se enfrontaba a Guillerme Vázquez, e que tiven un 45 por cento'.

Así as cousas, Carlos Aymerich, que afirmou 'non ver por que' a convención do sábado poida afectar ás negociacións que se inician en decembro neste proceso que culminará o 28 e 29 de xaneiro co plenario, tamén asegurou que o desenlace da asemblea non está escrito e, polo tanto, 'depende' dos integrantes do Bloque.

Neste sentido, quixo deixar claro que non se trata de conversacións 'entre inimigos', é dicir, que non son negociacións con 'adversarios' e formacións políticas opostas, como acontece, por exemplo, no Parlamento cando se negocia con PP e PSOE.

'CARTAS DESCUBERTAS' E 'LEALDADE'

Para este proceso de conversacións, os escenarios das cales son unha asemblea de unidade ou confrontación como aconteceu no conclave extraordinario de 2009, Carlos Aymerich só pediu 'cartas descubertas, negociar, ceder e buscar puntos de encontro'. Son as ferramentas que, segundo manifestou, empregará a súa corrente neste proceso. 'Non pido nada: lealdade e claridade de formulacións', respondeu ao ser preguntado por qué demanda aos seus interlocutores na asemblea.

+Galiza celebrará a súa convención política o mesmo día en que tamén o BNG reunirá os membros do Consello Nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas, e no que o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, porá o seu cargo a disposición da militancia representada. Sobre este extremo, Aymerich considerou que 'non se debería perder nin un segundo' niso, e apostou por 'centrarse' na preparación da asemblea, un dos puntos da orde do día -ademais da valoración do resultado electoral-.

Nesta mesma liña, tamén descartou a proposta formulada pola coordinadora executiva do BNG e membro da corrente +Galiza, Teresa Táboas, de crear unha xestora para organizar a asemblea. Fíxoo nunha resposta na que apelou a que o Bloque xa 'ten disco duro', explicando que na anterior asemblea de 2009, cando se convocou a asemblea extraordinaria, a Executiva xa quedou en funcións.

De feito, ao seu xuízo, cando se decidiu atrasar a actual asemblea, que estaba convocada para outubro, pero se pospuxo pola cita electoral, a dirección nacionalista xa quedou 'en funcións' dende entón.

Durante a súa intervención, Carlos Aymerich estimou que é 'tempo de propostas e non de intentos', palabras que rexeitou que vaian dirixidas 'a ninguén', tampouco ao Encontro Irmandiño liderado por Xosé Manuel Beiras, que lanzou unha advertencia de escisión esta mesma semana se non se volve a un BNG 'democrático' e non se leva a cabo unha 'rexeneración' da fronte.

BUSCAR MÁIS VOTOS

Para o líder de +Galiza, é momento de 'traballar' e lograr unha política nacionalista e e esquerdas que sexa capaz de 'capitalizar' a perda de votos do PSOE, algo que non conseguiu -diagnosticou- nos comicios deste domingo. Neste sentido, observa que o BNG ten 'todo o carril esquerdo para avanzar' e chegar a un maior espectro da sociedade e, se ben destacou que hai que 'tratar ben' os 180.000 votantes, fixo fincapé en que tamén é preciso ampliar a masa social que apoia os nacionalistas. 'Non podemos quedar aí', remarcou.

Carlos Aymerich sinalou que a formación nacionalista ten que ter 'vocación de goberno' e non se limitar a ser 'a conciencia crítica' alá onde obteña representación. 'Non podemos recrearnos nos que están connosco, senón que temos que saír con audacia a convencer máis xente', sentenciou.

Te puede interesar