Barreras comezará a construír o flotel para a Pemex antes de que acabe o ano

O estaleiro vigués Hijos de J. Barreras prevé comezar a construción dun flotel (navío hotel) para Petróleos Mexicanos (Pemex) 'antes de que finalice o ano' e espera pechar o financiamento destes traballos 'en quince días'.
Segundo manifestou, nunhas declaracións aos xornalistas, o presidente de Barreras, José García Costas, actualmente están abordando 'a fase financeira' para a construción deste navío.

Sobre o número de accionistas de Barreras, remarcou que aínda 'non está decidido cantos, quen, nin canto, terminouse o prazo en que os antigos accionistas podían subscribir accións e agora abre o prazo para os que subscribimos e poidamos mellorar a nosa posición', lembrou.

Aclarou que, a partir de aí, se procederá á 'entrada de socios externos' e agradeceu ao presidente do CEP, o empresario vigués José Manuel Fernández Alvariño, a súa disposición a entrar nos accionistas de Barreras.

En todo o caso, precisou que en cuestión de 'dez ou doce días' debería estar 'cerrado' o grupo de accionistas do estaleiro vigués.

Costas engadiu que aínda falta por ver en 'que contía' melloran a súa 'posición' entre os accionistas tanto el mesmo como Ignacio Lachaga.

'Así que isto estiver cerrado, ficará unha porcentaxe que ofreceremos a futuros accionistas independentes', sostivo.

Sobre a carga de traballo de Barreras, lembrou que no luns pechou o ciclo da especificación' do contrato coa Pemex e que agora a empresa está inmersa nos 'procesos financeiros e todo o que comporta para pór ese flotel en marcha'.

García Costas subliñou que é 'difícil contratar nos estaleiros europeos sen 'tax lease'', mais mostrouse esperanzado en que este sistema español de exencións fiscais para estaleiros españois 'estea en vigor antes do final do mes' e que 'facilite as cousas'.

'É un barco moi grande, caro e o contrato máis alto que fixo Barreras desde que foi privatizado en 1998', manifestou, despois do que especificou que serán dous anos de carga de traballo para o estaleiro de Beiramar cunha 'punta de 1.500 traballadores'.

Te puede interesar