O nacionalista acusa á UPG de 'intentar controlar todo o aparato'

Beiras advirte que o BNG 'está perdendo sangue'

O que fora voceiro nacional dos nacionalistas galegos, Xosé Manuel Beiras alertou, onte de que o BNG 'está perdendo sangue' con xente que está marchando e remarcou que 'saíu roto' da asemblea de 2003.
Para o histórico nacionalista, 'o BNG perde sangue, con moitos dos cadros máis valiosos en fose de xogo, e con moita cidadanía simpatizante e sen carné de militante desencantada', reflexionou. Así o expuxo nunhas declaracións antes de participar en Lugo nunha conferencia na que abordou a crise económica como líder da corrente Encontro Irmandiño. Sobre o momento actual do BNG, Beiras asumiu que pode haber escisións na organización nacionalista, aínda que matizou que o maior problema se dá nas rupturas 'internas'.

Foi nese momento cando observou que o BNG 'saíu roto' da asemblea de 2003 e, despois de insistir en que se poden producir escisións, non se mostrou partidario deste tipo de situacións. 'Eu non estou polas escisións, mais chega un momento en que se te afogan dentro, se non che fan caso, aínda que non te escindas igual marchas polo que está pasando', precisou. Na súa visión crítica non obviou que o BNG 'perdeu bastante o norte' e acusou a Unión do Pobo Galego (UPG) de intentar 'controlar todo o aparato' da organización cando, advertiu, 'o BNG é unha fronte plural e así non pode funcionar'.

Xa na súa faceta de catedrático de Estrutura Económica na Universidade de Santiago, Beiras apreciou que a crise 'vén desencadeada por unha especie de sobreprodución e o capital empeza a atacar o traballo, desmantelando o estado do benestar e baixando os salarios', concluíu.

Te puede interesar