O BNG levará Infraestruturas e Cultura e Turismo no bipartito co PSdeG en Lugo, que contará con 9 áreas

O Bloque resérvase a liberdade de voto na parte que queda por desenvolver do PXOM e sobre as Torres do Garañón
A volta a un bipartito entre o PSdeG e o BNG na cidade Lugo suporá un goberno local estructurado sobre nove 'grandes' departamentos, dos cales o BNG se encargará das áreas de Cultura e Turismo, por unha parte, e de Infraestruturas, por outra.

O concelleiro nacionalista Antón Bao, quen na pasada lexislatura foi vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, será o primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Cultura e Turismo, mentres que a outra edil do BNG, Paz Abraira, xestionará Infraestruturas e a Axenda 21. Ambos os dous formarán parte da Xunta de Goberno Local.

Aparte destes nove departamentos, as atribucións sobre Policía e seguridade e sobre persoal levaraas directamente o alcalde, o socialista Xosé López Orozco, quen manifestou a satisfacción por alcanzar este acordo de goberno.

'Qué marabilla vivir nunha cidade onde dúas forzas distintas son capaces de chegar a un acordo programático e representar os veciños de Lugo que votaron a estas dúas forzas', resaltou López Orozco, quen asegurou que, deste xeito, socialistas e nacionalistas responden 'ao que escribiron os lucenses o 22 de maio', cando PSdeG e BNG lograron 11 e dous concelleiros cada forza, fronte aos 12 do PP.

'Non lle deron a maioría absoluta a ninguén e dixeron que os que sexan capaces de entenderse que senten ao redor dunha mesa, que debatan e cheguen a acordos. Desta forma cumprimos o que nos pediron os veciños de Lugo', solemnizou Orozco.

CONSELLO DE DIRECCIÓN

O acordo subscrito por ambas as dúas forzas políticas tamén sinala que neste mandato non haberá edís non electos, como sucedeu no anterior coa responsable de Urbanismo. Así mesmo, haberá un 'consello de dirección', que integrarán concelleiros de ambas as dúas formacións políticas e que se encargará de estudar 'os temas máis importantes de goberno'.

A finalidade é, en palabras do rexedor lucense, lograr 'o obxectivo primordial', que sintetizou en: 'que os temas que levemos todos os concelleiros sexan temas de goberno, onde todos nos sintamos representados'.

No sexto piso do hotel Méndez Núñez, onde se celebraron as reunións da comisión negociadora, ata un total de catro, sentaban xuntos o alcalde e o que se converterá no primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Antón Bao, para expoñer os detalles do acordo de goberno que pecharon a pasada noite, xusto antes da constitución este mércores da Deputación de Lugo.

Bao constatou que se chega a un bipartito 'tras moitas horas de debate, de intercambiar ideas e proxectos'. 'Foron moitas horas debatendo sobre Lugo, sobre os intereses dos lucenses, para mellorar a vida dos lucenses', afirmou.

LIBERDADE DE VOTO

O concelleiro nacionalista precisou que o acordo de goberno 'se sustenta nunhas liñas programáticas para este mandato', que se darán a coñecer nos próximos días e que mesmo se trasladarán ao PP, a forza maioritaria tras as eleccións, nas que alcanzou 12 edís.

Os nacionalistas, concretou, reservaranse, malia formar parte do goberno, a liberdade de voto para o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o cinco por cento que queda por desenvolver, e sobre as Torres de O Garañón, sobre as que pesa unha orde xudicial de paralización. En ambos os dous asuntos os nacionalistas discreparon ata o momento das posturas dos socialistas.

Te puede interesar