“O bng non entrará en ningunha lea por ter máis ou menos consellerías'

Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta.
Francisco Jorquera fixo o camiño contrario ao que acostuman os políticos. Primero estivo no Senado, logo no Congreso e agora é o candidato do BNG a presidir a Xunta de Galicia. Ten o pálpito de que Feijóo perderá San Caetano.
Agora que estamos a piques de rematar a campaña, qué pálpito ten?
Teño o pálpito de que hai partido e de que estas eleccións se van decidir no último minuto de xogo. Teño a convicción de que se os cidadáns votan masivamente, se non dividen o voto e se o concentran nesa forza política nacionalista e de esquerdas que é o BNG, o PP ten entón as eleccións perdidas e Feijóo terá que abandonar Monte Pío.

Di que a única maneira de frear as políticas de recortes é o BNG. Que lle di a xente e que lle diría vostede para convencer ós indecisos nos últimos días?
Diríalles que o BNG sempre estivo contra os recortes, xa desde maio de 2010, cando Zapatero claudicou ante Bruxelas. Diríalles que durante os tres anos de Feijóo a oposición real ás políticas do PP, quer no Parlamento, quer nas rúas, foi o Bloque Nacionalista Galego. Diríalles tamén que somos a única forza política que acredita na práctica a súa insumisión aos recortes. O exemplo máis evidente é que naqueles concellos nos que temos capacidade real de decisión os empregados públicos verán compensada a eliminación da paga extra do Nadal e non perderán poder adquisitivo. Polo demais, o BNG nunca faría parte dun goberno como o que formaron en Andalucía PSOE e IU, un goberno que practica recortes antisociais.

Sería máis doado se o BNG seguese sendo a casa común do nacionalismo ou saíu se cadra máis forte logo da última Asemblea?
A BNG foi, é e será a casa común do nacionalismo galego. Hoxe estamos máis cohesionados que nunca. Non se pode ser nacionalista se non se ten claro que o centro de decisión ten que estar sempre en Galicia e non en Madrid.

Que lle parece o 'teatrillo' que están facendo Beiras e Feijóo? Cre que beneficia ao PP e prexudica á esquerda?
A táctica do PP é clara, dividir o voto para reter a súa maioría absoluta. Hai algúns que se prestan a ese xogo, máis os galegos son suficientemente intelixentes para reparar que a única forma de derrotar ó PP é concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG. Quero lembrar que no concello de Santiago o PP acadou a alcaldía por só 14 votos de diferenza. Estas eleccións vanse decidir por un puñado de votos. Sei que os galegos que queren un cambio real emitirán un voto responsábel e un voto galego o 21 de outubro.

Faille caso ás enquisas?
As enquisas máis serias sinalan unha tendencia á alza do BNG. E sinalan tamén con toda clareza que o ascenso do Bloque é a chave para a derrota do PP.

Fala de que non se cometerán os mesmos error do bipartito. Cales foron e que non volverán repetir?
O bipartito fixo unha xestión incomparabelmente mellor ca do Goberno Feijóo. Así o demostran todos os indicadores: durante o período 2005-2009 a economía galega medrou por enriba da española e o paro galego medrou menos que o español. Desde que chegou Feijóo invertíronse os termos e Galicia diverxe de España e lidera a destrución de traballo. Dito iso, o bipartito cometeu erros na relación coa sociedade. Non foi percibido como un goberno cercano á xente. Desde logo, o BNG ten aprendido moitísimo desa experiencia e o goberno que aspiro a presidir será un goberno humilde, próximo ao pobo. E será un goberno cun programa único que vinculará a todos e cada un dos seus membros.

Ficou claro no debate con Pachi Vázquez que pode chegar a un acordo? Nos se lles foi a man? En que termos podería darse ese pacto?
No debate co PSdeG ficou claro que o BNG ten un programa de goberno e un proxecto de país, xusto aquilo do que o PP carece. Ficou claro que o BNG ten a vontade e a determinación de liderar o cambio real que precisa o país. Por respeito aos galegos, antes de falar de acordos post-eleitorales, o primeiro que temos que ver é en que termos se pronuncian o 21-O. En todo caso, o que sí avanzamos é que o BNG non entrará nunca en ningunha lea por ter máis ou menos consellarías ou máis ou menos protagonismo. O BNG condicionará calquer entente a un acordo programático, un acordo programático que necesariamente ten que pasar pola xustiza social e a profundización do noso autogoberno.

Pero é partidario de entrar no goberno ou só prestar apoios?
O BNG preséntase nestas eleccións coa vocación clara de liderar o goberno do noso país. Preséntase coa vontade clara de que, como di o noso lema, sexan os galegos e as galegas os que gobernen a súa terra.

Se Feijóo consegue a maioría, que Galicia nos agardará?
Non contemplo esa hipótese. O PP hai tempo que perdeu a maioría social e o 21 de outubro vai perder tamén a maioría electoral.

En que mellorará Galicia logo no caso de que haxa cambio?
En algo sustancial: en que teremos goberno. Durante o trienio negro de Feijóo non tivemos goberno, tivemos primeiro unha delegación de Génova para facer oposición a Zapatero e, desde que goberna Rajoy, o que temos en Monte Pío é unha Delegación do Goberno Rajoy. Coa derrota de Feijóo Galicia terá un goberno galego merecente de tal nome, un goberno aliado dos sectores produtivos do país, un goberno comprometido co crecimento e a creación de emprego, un goberno amigo da lingua e da cultura do país, un goberno decidido a levar o autogoberno tan lonxe como a vontade soberana dos galegos decidise.

Deixemos entón o autogoberno para despois do 21-O, pero se fose vasco, a quen votaría?
Votaría nacionalista.

Xa que vai ser no último minuto, diga un resultado.
Gañará o cambio real polo que traballa o BN G. Gañará a Galicia que se move en defensa dos seus dereitos. A Galicia que quere traballo, autogoberno e democracia.

Te puede interesar