O BNG recorre contra o tratamento da TVG dos actos de precampaña electoral

O BNG presentou un recurso ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña polo tratamento informativo realizado pola TVG dos actos de precampaña electoral da xornada de onte, domingo.

No seu recurso, o BNG demanda que se declare a 'vulneración dos principios de pluralismo político e social' na emisión dos espazos informativos do día 30 de outubro e, ademais, solicita que a TVG manteña a 'proporcionalidade' nos tempos informativos dedicados a cada formación política.

Segundo un comunicado, o BNG tamén pretende que a Xunta Electoral lle 'ordene' á TVG un 'tratamento equitativo' da cobertura dos actos con incidencia electoral.

Segundo os nacionalistas galegos, o tempo dedicado en distintas emisións do informativo da cadea pública e das súas redifusións a través da segunda canle ao PP o pasado domingo foi de '12,24 minutos, mentres que o que se destinou ao Bloque Nacionalista Galego apenas chegou a 1 minuto e 16 segundos e o tempo dedicado ao PSOE acadou os 9 minutos 32 segundos'.

Ademais, segundo o BNG, 'non se trata tan só dos aspectos cuantitativos', xa que, na súa opinión, 'os cualitativos demostran un partidismo inaceptable' por parte da TVG e a 'violación do principio básico de respecto ao pluralismo político que debe rexer unha televisión pública'.

Te puede interesar