ELECCIÓNS EUROPEAS

O BNG reformúlase a súa alianza con Bildu tras descolgarse as CUP

Vence asegura que o obxectivo é que Ana Miranda estea en Europa.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) puxo en suspenso o acordo adoptado pola militancia de acudir ás eleccións europeas nunha candidatura con EH-Bildu despois de que as CUP decidiran non concorrer a estes comicios, de maneira que volverá analizar as posibilidades que ten para a cita do 25 de maio, incluíndo a posibilidade de ir con ERC.

A formación que lidera Xavier Vence optou pola coalición de Bildu partindo da premisa de que esta alianza posibilitaba acudir ás urnas con formacións das tres nacionalidades históricas -Galicia, País Vasco e Cataluña-, e tendo en conta que ERC expresou a súa negativa a ir coa mencionada formación vasca.

Non obstante, o descolgue das CUP orixinou que o BNG repense as súas alianzas para as europeas, posto que a única vía que lle queda é ir a un acordo bilateral, ou con Bildu ou con ERC, formación que, segundo expresou o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, mantén as portas abertas aos nacionalistas galegos.

Vence, que mostrou o "respecto" do BNG á decisión adoptada esta fin de semana da CUP, manifestou que esta postura "obriga a reconsiderar" a decisión do Bloque, iso coa mirada posta no "futuro" e co obxectivo de que "Galicia vai estar representada por Ana Miranda", a cabeza de lista do Bloque para as europeas e que foi xa eurodeputada na presente lexislatura coa ALE.

En resposta a varias preguntas dos xornalistas, Xavier Vence encadrou a reconsideración no obxectivo de "garantir a representación a nivel europeo" e "defender unha Europa alternativa", polo que se "valorarán as diferentes opcións" nos órganos de decisión do Bloque esta mesma semana.

A DECISIÓN FINAL, A MILITANCIA

A decisión final, dixo, será "en función en todo caso de lograr unha gran representación no Parlamento europeo", que é o "obxectivo fundamental", para "poder defender os sectores" produtivos de galegos.

Vence insistiu en que no BNG, "a militancia ten a última palabra" e, polo tanto, a decisión que se tome se "someterá" a consulta dos afiliados, que xa votaran a opción de ir con EH-Bildu e as CUP.

O voceiro nacional do Bloque asegurou que as dúas opcións "son posibles" neste momento e "garanten que o proxecto (do BNG) estea presente na UE".

Por outra banda, ratificou que o Bloque considera que Galicia é un "espazo autónomo" para traballar e "non vai reforzar coa súa presenza forzas" estatais, liña que xa seguiu dende principio.

Te puede interesar