OPERACIÓN PATOS

Caballero di que é "completamente falso" que recibira regalos

O rexedor olívico sinalou que tivo coñecemento "polos medios" de que a Fiscalía solicitou que se lle tome declaración como imputado

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este martes rotundamente que é "completamente falso" que recibira regalos por parte da empresa Eiriña, investigado na denominada Operación Patos, e exhibiu parte dun informe da UDEF da Policía, no que se pon de manifesto que un deses supostos regalos (unha pluma) foi "devolto pola empresa".

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico sinalou que tivo coñecemento "polos medios" de que a Fiscalía solicitou que se lle tome declaración como imputado pola presunta recepción deses regalos, no marco dunha suposta trama para beneficiar a Eiriña e outras empresas na adxudicación de obras e contratos públicos.

Abel Caballero reiterou, ata en tres ocasións, que "nunca" recibiu regalos desa empresa, nin tampouco o fixo o seu "ámbito" no Concello. Así, referiuse a un reloxo valorado en 1.750 euros, que non só negou recibir, senón que apuntou que "non hai ningunha constancia no Concello" de que chegase ese obsequio.

Por outra banda, en relación á pluma estilográfica, que o Fiscal cre que Eiriña puido regalar ao alcalde en 2010, Caballero volveu proclamar que é "completamente falso". Ademais, exhibiu parte dun informe policial no que se pon de relevo que existe unha "factura rectificativa" con respecto a ese regalo.

"Non o di solo Abel Caballero. Dio a UDEF e figura no informe que ten o fiscal. A empresa devolveu esa pluma", sinalou, e engadiu: "Se o Fiscal di que recibín o regalo e a Policía di que a empresa o devolveu, non parece que haxa ningunha dúbida".

Con respecto á posible implicación de tres dos seus edís, sobre os que o Fiscal tamén pide que sexan imputados, Ángel Rivas, Isaura Abelairas e David Regades, o alcalde de Vigo limitouse a afirmar: "Eu falo por Abel Caballero". Non obstante, subliñou que el preside "o goberno máis honrado que houbo nunca na historia da cidade".

CONCELLEIROS

O alcalde remitiuse ás declaracións feitas polos afectados quen, a través dun comunicado este luns, proclamaron a súa inocencia, e mostráronse dispostos a colaborar coa Xustiza. Nin Rivas, que xa está imputado noutro procedemento (por supostas irregularidades en obras municipais a subministración de formigón das cales proviña dunha empresa na que traballa o edil) nin Regades (que se atopa en Madrid recibindo un premio para o Concello) compareceron ante os medios este martes.

Si o fixo o edila socialista de Benestar Social, Isaura Abelairas, quen se reafirmou "contundentemente" no comunicado feito público horas antes. "Eu non recibín absolutamente ningún regalo desta empresa", insistiu en varias ocasións.

Sobre a situación dos seus compañeiros de goberno, Abelairas proclamou que pon "a man no lume" só por ela mesma, ao tempo que rexeitou pronunciarse sobre supostas irregularidades investigadas noutros departamentos municipais.

Te puede interesar