Caramelo presenta un ERE que afecta 201 empregados para 'evitar o peche'

Caramelo presentou un ERE que afecta 201 empregados 'para evitar o peche', segundo concretou hoxe a firma téxtil, que precisou que a maior parte dos despedimentos se producirán en puntos de venda e fóra de Galicia.
A firma anuncia que deseñou un plan de viabilidade que contempla unicamente o mantemento das unidades de negocio rendíbeis.

Tal e como avanzou despois de solicitar o concurso voluntario de acredores no pasado mes de abril, Caramelo presentou nesta mañá perante a autoridade xudicial competente o ERE anunciado pola empresa, que remarcou que o obxectivo é evitar o peche da compañía, cuxas perdas operativas no último exercicio ascenderon a 15 millóns de euros.

Está previsto que o expediente de regulación de emprego afecte un total de 201 persoas, a maior parte de fóra de Galicia, das que 82 pertencen á central situada na Coruña, e 119 a tendas.

A partir de agora, abrirase o período de negociación dun mes co comité de empresa, que xa foi informado nesta mañá da presentación do ERE, así como o resto do equipo humano da empresa.

Ao mesmo tempo, a dirección informa de que explicou aos empregados e ao propio comité as grandes liñas do plan de viabilidade en que se encadra a medida.

Este documento, elaborado co horizonte posto no ano 2018, contempla o mantemento unicamente das unidades de negocio rendíbeis, descartando as que presentan perdas de forma recorrente.

En consecuencia, pasarase de 15 a 6 tendas propias, mantendo abertas as dúas que ten na Coruña (praza de Lugo e Marineda City), a de Santiago de Compostela e as de Barcelona, Bilbao e Oviedo.

Con respecto aos córner no El Corte Inglés, reduciranse de 103 a 42.

Non obstante, o ERE foi proposto como de máximos, polo que é posíbel que en función da evolución comercial nos próximos meses se decida manter algún outro punto de venda aberto.

Alén diso, eliminaranse tamén o resto de vías de distribución, como as canles franquías e multimarca, en nacional e internacional, e pecharanse tamén os outlets.

O plan contempla outras medidas que teñen como obxectivo acometer melloras na área de produto abordando coleccións máis comerciais, así como un mellor equilibrio entre a produción e a demanda do mercado.

Alén diso, estudaranse diversas fórmulas que permitan incrementar a rendibilidade doutros ámbitos da empresa, como a loxística ou a función comercial.

A dirección de Caramelo implementará este plan de viabilidade en dúas fases e na primeira delas, que se prolongará até finais de xullo, contémplase o mantemento da actual estrutura para dar saída á colección de primavera-verán de 2013 e a adquisición de produto para a tempada de outono-inverno, xa adaptada ao número de tendas obxectivo.

A partir do día primeiro de agosto, na segunda fase, iniciarase o novo modelo de negocio coas 6 tendas e 42 córner que se manterán abertos.

No referente aos acredores, está previsto que antes de xaneiro de 2014 se poida pechar o convenio con eles.

Con esta perspectiva, Caramelo pretende alcanzar o punto de equilibrio no ano 2015 e consolidar a situación económica da firma ao longo do exercicio de 2016, unha vez afianzada a nova dimensión da compañía.

Neste escenario de recuperación, a medio e longo prazo a empresa non descartaría a posibilidade de recuperar as canles multimarca e franquía, que tradicionalmente estiveron presentes no modelo de negocio de Caramelo.

Na reunión desta mañá, a dirección trasladou aos empregados e ao comité de empresa que esta formulación é a única posíbel para intentar garantir o futuro da compañía.

Te puede interesar