A catedrática da USC María José Alonso, premio Jaime I de Novas Tecnoloxías

Foto: EFE
A catedrática do Departamento de Farmacoloxía e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María José Alonso foi distinguida co Premio Jaime I de 2011 na categoría de Novas Tecnoloxías pola súa investigación neste ámbito.
O galardón recoñece o seu 'destacado traballo nos campos da nanotecnoloxía farmacéutica e nanomedicina' que están tendo 'un gran impacto no desenvolvemento de novas solucións terapéuticas'.

Alonso (Carrizo de la Ribera -León-, 1958), é doutora en Farmacia e catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica desde 1998, e vicerreitora de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago.

Con Alonso son xa tres os premiados da USC pola Fundación Jaime I pois, previamente, os catedráticos de Medicina Felipe Casanueva e de Medicina Legal Ángel Carracedo recibiron este galardón na modalidade de Investigación Médica en 2005 e en 2009, respectivamente, informa a universidade nun comunicado.

Así mesmo, os científicos e investigadores Oscar Marín Parra (Investigación Básica), Carlos Simón Vallés (Investigación Médica), Daniel Peña Sánchez de Rivera (Economía), Sixto Malato Rodríguez (Protección do Medio Ambiente) e José Javier Chamorro Rebollo (Emprendedor) lograron os Premios Jaime I de 2011.

Os Premios Rei Jaime I, dotados con 100.000 euros en cada unha das súas seis modalidades, están instituídos pola Generalitat e a Fundación Valenciana de Estudos Avanzados (FVEA) para estimular e recoñecer a investigación.

O presidente executivo da Fundación Premios Jaime I, Santiago Grisolía, deu a coñecer a decisión dos respectivos xurados, dos que formaron parte dezanove premios Nobel, nun acto presidido polo presidente da Generalitat, Francisco Camps.

Camps destacou durante o acto o 'gran nivel de prestixio' destes galardóns nos que se elixe 'obxectivamente o mellor' e manifestou o seu agradecemento aos patrocinadores por apoiar estes premios neste momento de crise.

Te puede interesar