Catro anos de cárcere e inhabilitación para o médico acusado de abusos sexuais nunha clínica de Santiago

O condenado, que pode presentar recurso de casación, deberá indemnizar con 1.920 euros a vítima
O médico que traballaba no policlínico La Rosaleda de Santiago de Compostela J.E.A. foi condenado por un delito de abusos sexuais a catro anos de cárcere e outros tantos de inhabilitación especial para o exercicio da profesión médica, e terá que aboar 1.920 euros á vítima.

Así recólleo o fallo, contra o que cabe recurso de casación, da Sección Sexta da Audiencia Provincial de A Coruña, con sede en Santiago, sobre o xuízo que se celebrou o pasado 18 de febreiro e no que o acusado negara ver a muller denunciante e acusara o policlínico de realizar unha 'trama' e unha 'conspiración' para rescindir o seu contrato.

Na sentenza, recollida por Europa Press, recóllense como feitos probados que a muller denunciante acudiu ao policlínico La Rosaleda o 14 de xullo de 2008 para facer unha ecografía endometrial solicitada polo servizo de xinecoloxía do Sergas e que foi o acusado, sen antecedentes penais, licenciado en medicina xeral e diplomado en ecografía, quen o atendeu. 'O condenado non era especialista en xinecoloxía e non exercía', indica o fallo.

Ademais, sinala que 'despois de facer a ecografía', coa escusa de que necesitaba unha exploración, introduciu os dedos na vaxina. Deseguido pediulle á vítima que se dese a volta, colocásese de xeonllos 'a catro patas sobre a padiola' e introduciulle de novo os dedos na vaxina'.

Segundo recolle a sentenza, o acusado realizou estes actos 'con ánimo lúbrico, disimulando a súa actuación baixo a aparencia de exercicio dunha actividade médica que non estaba habilitado para practicar e que era allea á ecografía xinecolóxica para valorar unha posible patoloxía endometrial, única proba que debía realizar'.

Tamén inclúe como feitos probados que mentres practicaba a ecografía, o condenado dixo frases como 'para a idade que tes e ter dous fillos non estás nada mal' ou 'dáme a sensación de que a ti non che gusta facelo con condón', así como que lle preguntou 'cál era a postura que máis lle gustaba'.

SECUELAS PSICOLÓXICAS

Afirma a sentenza que 'consta a existencia dunha secuela psicolóxica, estrés postraumático', á que o Ministerio Fiscal fixo referencia no seu relato de feitos probados. Con todo, especifica que 'non se coñece a intensidade desa secuela' e a súa relevancia 'non foi obxecto de proba específica que terá na vida futura da prexudicada'.

A este respecto, explica que 'sería de moi difícil determinación' posto que 'tamén pode confluír como causa do estrés, con relevancia na súa intensidade, outra posible agresión sexual sufrida pola mesma persoa'.

DENUNCIA DA TRAMA

Os feitos dos que se lle acusan remóntanse ao 14 de xullo de 2008, cando o acusado regresou das súas vacacións e, segundo relatou este venres, xa non tiña á súa disposición un enfermeiro que axudase a pasar os pacientes, polo que el mesmo os mandaba entrar para realizar as probas. Este feito relacionouno o acusado durante o xuízo coa 'trama' da que acusa ao centro hospitalario, ao que engade o feito de que lle ofrecesen a 'baixa laboral voluntaria' -que rexeitou asinar-, que le 'limitasen' o acceso aos arquivos ou que o invitasen a 'compartir' os seus honorarios con La Rosaleda.

Por esas acusacións, ese mesmo 18 de febreiro, o policlínico La Rosaleda anunciou que ía presentar un escrito ante a Audiencia Provincial de A Coruña co fin de 'depurar responsabilidades' e 'iniciar accións legais' pertinentes tras as manifestacións no transcurso do xuízo dese extraballador.

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de A Coruña recolle nos antecedentes de feito que a 'trama ou confabulación' para o seu despedimento 'carece de sentido', posto que se o seu contrato era temporal -como el declaro- e estaba próximo a finalizar 'abondáballe ao hospital con esperar á data de terminación do contrato para conseguir o cesamento da relación laboral'. Ademais, unha testemuña de Recursos Humanos do hospital asegurou no xuízo que polo tempo que levaba traballando o acusado, tiña que ser indefinido, algo que tamén se inclúe nesta parte da sentenza.

A avogada defensora e o propio acusado incidiron durante o xuízo que non había proba documental de que a muller acudise con data ao 14 de xullo de 2008 ao centro hospitalario para facer esa proba xinecolóxica, se ben a sentenza sinala que 'a falta destes documentos non é suficiente para considerar que non está probado que o médico atendeu á vítima na súa consulta e lle realizou unha ecografía'.

Neste punto, conclúe que 'unha instrución máis dilixente puido incorporar á causa eses documentos, ou outros que indicasen a existencia da asistencia, pero se obviou, moi probablemente, pola actitude do acusado'.

Te puede interesar