Chacón cre que a misión da OTAN en Libia debe seguir mentres 'sigan as ameazas de violencia' sobre a poboación'

Foto: EFE/Kiko
A Ministra de Defensa, Carme Chacón, asistiu no Arsenal militar de Ferrol ao relevo da fragata 'Almirante Juan de Borbón' pola 'Álvaro de Bazán', que partirá este xoves para incorporarse á operación 'Protector Unificado' da Alianza Atlántica fronte ás augas de Libia, e asegurou que a misión da OTAN debe seguir neste país mentres 'sigan as ameazas de violencia' sobre a poboación'.
Na súa intervención ante a tropa, Carme Chacón manifestou que, aínda que 'o réxime ditatorial libio caera, isto non significa que remataran as ameazas'. Así, sinalou que 'en tanto en canto sigan as ameazas de violencia sobre a poboación libia, a petición de Nacións Unidas, España seguirá traballando por aire e por mar na operación'.

Non obstante, indicou que 'a operación debe rematar canto antes', porque 'canto antes debe chegar a paz'. Nesta liña, volveu pedir a Nacións Unidas, á Alianza, aos entes rexionais e ao Consello Nacional de Transición en Libia que 'traballen porque a paz chegue canto antes' para que 'floreza' a 'primavera árabe'.

Durante o acto, a Ministra de Defensa cualificou de 'impecable' o traballo desenvolvido polos militares na operación en Libia e destacou en especial a 'sobresaínte' participación da fragata 'Almirante Juan de Borbón'.

A fragata realizou un total de 37 rexistros a buques mercantes, o que representa o 12,8 por cento do total ata a data, o que a converte no buque que máis inspeccións levou a cabo no operativo internacional dende o seu inicio. Ademais, interrogou outros 146 buques que navegaban pola zona, converténdose nun elemento decisivo para o éxito do embargo de armas decretado polo Consello de Seguridade de Nacións Unidas.

RESCATE

O pasado 10 de xullo, a dotación da 'Almirante Juan de Borbón' rescatou a 114 persoas que se atopaban nun barco á deriva -entre as que se atopaban 5 mulleres embarazadas e 6 nenos pequenos-, tras catro días sen comida e co motor do barco avariado.

A fragata desviouse máis de 50 millas da súa posición para localizalos e rescatalos e proporcionoulles atención médica, acubillo e alimentos. Ademais, as cinco persoas que requirían tratamento médico especializado foron transportadas en helicóptero a terra firme.

O rescate non figuraba na misión da fragata española, pero Carme Chacón resaltou que a dotación da fragata actuou segundo o seu deber 'como mariños, militares españois e seres humanos,' para salvar a vida de aqueles que 'primeiro habían tratado de salvarse da ira dun tirano, Gadafi, e despois da pobreza e o desespero'.

Carme Chacón engadiu que 'non só lles deben a vida esas 114 persoas', se non tamén 'miles de persoas que hai tempo reclamaron dereitos, liberdades, reformas e solo recibiron maior violencia' por parte do ditador'.

A Ministra de Defensa concluíu a súa intervención mostrando o seu convencemento de que dotación da 'Álvaro de Bazán' recollerá a testemuña coa 'mesma profesionalidade, o mesmo valor e a mesma honra' para 'representar cun sobresaínte a España'.

A Fragata 'Álvaro de Bazán' partirá na tarde deste xoves do Arsenal de Ferrol, cunha dotación de 201 persoas. En rota, incorporará un helicóptero coa súa dotación, un equipo de Infantaría de mariña, controladores de aeronaves e desactivadores de explosivos, máis un médico. En total, viaxarán 235 persoas, 'solo queda unha cama libre', segundo explicou o comandante Gonzalo Sanz.

Te puede interesar