Concentración de compañeiros e profesores de Gloria García ante a súa facultade

Foto: EUROPA PRESS
Ao redor dun centenar de persoas, na súa maioría estudantes e profesores, concentráronse hoxe ante a Facultade de Educación da Universidade de Santiago para gardar un minuto de silencio en memoria de Gloria García, a estudante deste centro asasinada presuntamente polo seu noivo en Noia (A Coruña) no pasado 14 de maio.
Os participantes na concentración portaban unha pancarta en que se lía 'nin esquecemos, nin perdoamos', en relación co presunto crime machista que terminou coa vida da estudante da Facultade de Ciencias da Educación.

O decano da Facultade, Lois Ferradas, dixo que este é un xesto simbólico, 'un pranto silencioso de rabia e rexeitamento', e que a presenza neste acto ten que significar un 'compromiso' para facer 'todo o posíbel' na erradicación da violencia de xénero.

Un compromiso que para Ferradas radica na sensibilidade aos sinais 'que seguramente se están producindo entre nós e que non soubemos detectar'.

A moza de 19 anos foi atopada apuñalada na súa casa no día 14 de maio por un dos seus irmáns e desde ese día sospeitouse que o seu asasino fora Miguel Hervella con quen Gloria mantivera unha relación sentimental recentemente.

Tres días despois, o corpo sen vida de Hervella foi atopado no polígono da Picaraña, no municipio coruñés de Padrón, probabelmente por un suicidio.

Se se confirmar que se trata de violencia machista, Gloria sería a vítima número 23 neste ano en España e a primeira en Galicia.

Te puede interesar