Condenado a tres anos de cárcere o vigués que abusou sexualmente da súa neta minusválida

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a M.A.G.R., de 58 anos de idade, a tres anos de prisión por consideralo autor dun delito continuado de abuso sexual cara á súa neta minusválida e menor de idade cando aconteceron os feitos.
Segundo a sentenza, o tribunal considera probado que o acusado (avó materno) residiu na casa na que vivía a menor coa súa nai e o seu outro avó durante unha semana en marzo de 2011. Durante esa estanza, e polas noites, achegábase á cama da súa neta (que ten unha minusvalidez física que lle impide unha libre mobilidade, ademais dun atraso madurativo) e realizoulle tocamentos nos peitos.

A sala considerou que o home cometeu eses abusos 'aproveitando as importantes limitacións físicas, sobre todo de mobilidade' da súa neta, e con 'ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais'. Todo iso, prosegue a sentenza, 'malia a frontal oposición manifestada pola menor'.

O tribunal rexeitou que a nena acusase o seu avó co fin de poder saír do ámbito da súa nai e o seu avó paterno (parella sentimental da nai), cos que mantiña unha relación conflitiva. Así mesmo, tamén descarta que a menor actuase influída polas súas tías paternas, coas cales convive.

A Audiencia condenou o acusado a tres anos de cárcere, e impúxolle cinco anos de afastamento e prohibición de comunicarse coa súa neta; tamén o condenou a pagar á rapaza unha indemnización de 4.000 euros. A Fiscalía pedía 10 anos de prisión e 15.000 euros de indemnización por danos morais.

ÁMBITO DESESTRUTURADO
Durante a vista contra M.A.G.R., varias testemuñas puxeron de manifesto os problemas que a vítima tiña na súa casa, cunha relación difícil tanto coa súa nai coma co seu avó paterno. De feito, ningún dos dous quixo declarar no xuízo, o que foi interpretado pola Fiscalía como 'un novo acto de abandono emocional' cara á nena.

Dáse a circunstancia de que o acusado ten denuncias previas por feitos similares cometidos contra outras primas da vítima, aínda que non foi xulgado por iso. Así mesmo, as tías da rapaza tamén sinalaron que había denuncias contra o seu outro avó, por malos tratos, abusos sexuais e acoso que, finalmente non prosperaron; ao tempo que explicaron que xa iniciaran accións xudiciais contra a nai da menor por 'neglixencia e desatención'.

As psicólogas que declararon durante a vista tamén fixeron referencia aos problemas do ámbito familiar da menor. As peritos consideraron 'crible' o relato da vítima, e apuntaron que 'se sentía abandonada afectiva e instrumentalmente'.

Te puede interesar