Cortizo non continuará de delegado e conta con apoios para ser cabeza de lista

Foto: EUROPA PRESS
O delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, asegurou hoxe que non continuará no cargo 'gañe quen gañar' no vindeiro 20 de novembro e recoñeceu contar con 'algún apoio' para ser cabeza de lista do PSOE nas próximas eleccións xerais.

Cortizo asistiu hoxe ao acto de presentación do nove xefe da comisaría local de Santiago, Simón Sabariz, e a seguir respondeu as preguntas dos xornalistas, entre elas a de se forma parte dos apoios con que conta o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, para liderar a lista socialista na Coruña.

'Eu animar, animar, só animo o Barça', asegurou Cortizo, quen adiantou, malia tratarse dun 'lapso' e unha 'metedura de pata' falar sobre as datas, que 'gañe quen gañar non vou continuar de delegado', unha cuestión que 'estaba prevista desde hai tempo'.

'Estaba claro que eu tiña un prazo como un iogur, non como un iogurín', chanceou despois de asegurar, durante a súa intervención no acto de presentación do novo comisario en Compostela: 'Seguramente non coincidiremos moito tempo nestas cuestións mais cando eu non estea, saberei que a seguridade en Santiago estará en boas mans', manifestou mentres aludía a Sabariz.

Para Cortizo, o importante é que 'o partido escolla os mellores' para ir nas listas e que o proceso se desenvolva 'sen especulacións'.

'Hai compañeiros que teñen moitos apoios para ir nas listas aquí e fóra de aquí', continuou o delegado, quen recoñeceu sobre os seus: 'Home, algún terei, supoño. En fin, algún terei'.

Non obstante, insistiu en que 'iso é irrelevante' porque 'o que importa é o acerto dos compañeiros e dos órganos do partido á hora de decidir'.

'Que acerten na selección porque o futuro é complicado para o partido, para o país, porque veñen momentos do punto socioeconómico moi complicados, moi difíciles, e vaise necesitar ter xente moi capaz e preparada' para 'afrontar situacións difíciles', con 'honestidade demostrada e máis cousas', concluíu.

Te puede interesar