Denuncian condicións de 'escravismo' de traballadores portugueses en Galicia

Representantes da Federación da Construción, Metal, Madeira e Afíns de Comisións Obreiras (Fecoma-CCOO) e da Confederación Xeral de Traballadores de Portugal (CGTP) denunciaron as condicións de 'escravismo' que teñen que soportar traballadores deste país no sector da construción en Galicia.

Nunha rolda de prensa, o secretario xeral da Fecoma-Galicia, Jesús Varela, subliñou que determinados empresarios galegos están 'volvendo especular coa man de obra dos traballadores lusos', porque algúns deses empregados están percibindo salarios de ao redor dos cincocentos euros, cando a media na Comunidade supera os mil.

Segundo Varela, os empresarios antes facían asinar aos traballadores lusos nóminas por un importe superior ao que finalmente recibían, mais neste momento 'xa non se cortan un pelo' e non teñen pudor en que figure a cantidade real que perciben os empregados portugueses polo froito do seu traballo, con soldos 'moi inferiores' aos empregados locais.

Ademais, subliñou que estes traballadores que veñen gañar a vida a Galicia desde o país veciño tampouco realizan o seu traballo nas condicións axeitadas, porque se evidencia unha clara 'desprotección en temas de saúde laboral'.

Varela opina que 'boa parte da culpa' desta situación tena 'a propia patronal do sector da construción en Galicia', porque está executando 'obras privadas e públicas' en que se están dando casos deste tipo.

'Principalmente, estanse dando casos nun hospital que está construíndo en Vigo', dixo Varela, porque 'a maioría das irregularidades denunciadas polos medios de comunicación veñen dese centro de traballo'.

Por iso, confirmou que o sindicato mantivo 'varias reunións coa Inspección de Traballo', algunha delas a través dos responsábeis de Comisións Obreiras en Vigo, 'para atallar as irregularidades' que se están a detectar.

Pola súa banda, o secretario institucional da Fecoma-España, Vicente Sánchez Jiménez, confirmou que CCOO ten pensado solicitar unha reunión de coordinación do grupo bilateral entre Portugal e España das dúas inspeccións de traballo, en que espera que participen ambas as patronais e os sindicatos maioritarios.

Ao seu xuízo, hai que 'empezar a buscar, como xa fixemos no pasado, medidas que pechen o paso de todos os empresarios que intenten aproveitarse das condicións dos traballadores portugueses e leven o sector da construción a un sistema case de escravismo'.

Sánchez Jiménez explicou que a captación deses traballadores lusos ocorre, precisamente, a través de contratistas portugueses.

Pola súa parte, José María Alves, representante da CGTP no norte de Portugal, recoñeceu que no seu país 'o sector da construción e todos os que para el traballan están vivindo un estrangulamento de tal calibre que non se sabe onde pode terminar', porque 'as empresas pararon' e os proxectos de obra pública 'están conxelados'.

Esa situación é a que fai que a 'xente en idade de traballar' procure saída na emigración.

Te puede interesar