Denuncian que o decreto de xestión integrada favorece a privatización

Voceiros da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ourense arremeteron hoxe contra o novo decreto de xestión integrada das áreas sanitarias, e que segundo aseguran facilitaría futuras privatizacións.

Segundo dixeron estes representantes nunha conferencia de prensa, o decreto fai 'máis interesante unha oferta' ás empresas que queiran xestionar a sanidade na provincia, ademais de supor a práctica desaparición das áreas comarcais.

Para este colectivo, o decreto 'deixa ben ás claras as medias verdades e falsidades da Consellaría de Sanidade cando afirmaba que este decreto non supuña a desaparición da Área de Valdeorras'.

Segundo a Plataforma, a integración de servizos do hospital de Valdeorras, que se encontra a unha hora da capital, na área de Ourense, supón unha 'ameaza para a calidade e proximidade das prestacións'.

Tamén critican a súa publicación en pleno período vacacional, o que supón 'unha falta de transparencia e lealdade cara aos usuarios e profesionais da área de Valdeorras'.

No que fai aos cambios organizativos, a Plataforma acusou a Consellaría de deixar relegada, estratéxica e orzamentariamente a área de Atención Primaria nun nivel subsidiario con respecto á Atención Hospitalaria, nunha clara declaración de intencións por parte da Xunta, de converter os hospitais en 'nichos de negocio'.

Por último, aludiron ao peche de camas, ao incremento nas listaxes de espera e ao Plan Director do CHUO, actualmente paralizado.

Sobre este último punto, a Plataforma advertiu dos perigos de implantar un modelo de financiamento público-privado, algo non confirmado pola Consellaría, alegando que é 'ineficiente' ademais de supor un maior gasto para os cidadáns, peores servizos e maior precariedade laboral.

Fronte ás críticas da Plataforma, a dirección do complexo hospitalario de Ourense asegurou, nun comunicado, no que fai ao novo decreto, que o modelo de xestión integrada 'mellorará a coordinación dos tres hospitais'.

Con este novo sistema, explican que se busca 'superar o modelo de xestión por centros', no que os profesionais 'traballan separados de forma totalmente autárquica, e por veces, illados, o que dificulta o tránsito de pacientes', a un modelo que conta cunha maior 'capacidade resolutiva e autonomía da Atención Primaria.

A modo de exemplo, destacaron a posta en marcha de unidades comarcais de quimioterapia ou diálise, nos hospitais de Verín e Valdeorras, 'que evita que os pacientes destas dúas áreas, teñan que desprazarse a Ourense para recibir tratamento'.

Por outra banda, no tocante ao Plan Director, fontes do CHUO consultadas pola EFE afirman que aínda non hai nada concreto con respecto ao modelo de financiamento, aínda que garantiron o compromiso da Xunta para que o modelo asistencial de Ourense sexa 'público e gratuíto'.

Te puede interesar