A Deputación de Ourense promove a compostaxe nos municipios da provincia

A Deputación de Ourense presentou nesta mañá a continuación do seu programa de promoción e sensibilización no tratamento e separación de residuos no ámbito doméstico, en virtude do convenio asinado entre a institución provincial e Sogama en materia de compostaxe.
Serán nove os concellos que se adhiran a este programa: Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, O Carballiño, A Rúa, A Veiga, Viana do Bolo e Rubiá.

O presidente do ente provincial, Manuel Baltar, destacou hoxe no centro cultural Marcos Valcárcel a importancia de 'mellorar as condicións do medio natural' cumprindo coas 'obrigas que temos tanto as administracións como os veciños e veciñas'.

Estes nove concellos completan o total de 47 adheridos nos últimos anos a este sistema de compostaxe.

Tal e como explicaron na presentación, o programa comezou no pasado xoves coa formación dun mestre compostador que guiará tanto as accións divulgativas como o seguimento posterior daquelas persoas que decidiren comezar coa actividade.

De media, en cada concello distribuirán 25 colectores que ofrecerán un servizo de asistencia para solucionar dúbidas ou saber se están a ser compostados os residuos adecuados.

A iniciativa, dotada con 25.000 euros, será financiada a partes iguais pola Deputación de Ourense e Sogama, encargándose esta última da edición de material didáctico e divulgativo.

O presidente da Sogama, Luis Lamas, tamén presente no acto, quixo concluír destacando o importante papel que desenvolve a Deputación nun contexto en que 'teremos que tomar decisións para manter a sustentabilidade'.

Te puede interesar