DETENCIÓN

Detidos tres mozos do Val Miñor por 43 roubos

Os hurtos producíanse en bares, igrexas e domicilios da comarca.

A Garda Civil detivo tres mozos do Val Miñor como presuntos autores da escalada de roubos que se produciron na bisbarra dende o pasado mes de maio, operativo no que foron esclarecidos 43 roubos en bares, igrexas e casas desta bisbarra pontevedresa.

Segundo informou o Instituto Armado, a investigación dirixida polo Posto Principal de Baiona durante os últimos seis meses considera esclarecidos con estes arrestos 43 roubos en distintos puntos dos tres municipios.

Os seus obxectivos prioritarios eran os establecementos comerciais, principalmente bares e cafetarías, pero tamén a Benemérita os considera autores dos roubos denunciados durante este tempo en igrexas e vivendas da zona.

A súa especialidade eran as máquinas recreativas, que "destruían totalmente, forzándoas pero sen os danos nas zonas laterais que se rexistran habitualmente", segundo indican as mesmas fontes. "Valíanse dalgún obxecto contundente para rompelas no frontal e facerse coa recadación e este sistema empregouse en, polo menos, oito casos denunciados en locais de Praia América, no municipio de Nigrán, algúns na mesma cafetaría e en datas distintas, pero sempre en horas da madrugada", engaden.

Ademais das máquinas recreativas e de apostas, os ladróns levaban todo o que se atopaban ao paso en cada escenario, dende xamóns a billetes de lotaría, bebidas alcohólicas, terminais móbiles, ordenadores portátiles, televisores ou xogos de consolas.

SEGUIMENTO

O seguimento dos sospeitosos durante estes meses permitiu contar con testemuños de persoas que vinculan aos mozos cos obxectos subtraídos e cos lugares asaltado nas datas que sucederon estes ilícitos penais, indicou a Garda Civil.

A investigación aséntase tamén sobre probas periciais, imaxes de circuítos de vídeo vixilancia e toma de pegadas nos escenarios que confirman os resultados das entrevistas practicadas.

A investigación culminou cun operativo de vixilancia e seguimento nos locais sensibles da zona próxima á residencia dun dos mozos en Nigrán. O propietario dunha cafetaría deste municipio advertiu na madrugada do luns da presenza de dous encapuchados na porta do seu establecemento con ferramentas e que, ao ser sorprendidos, se deron á fuga.

Os axentes estreitaron a vixilancia ata que pillaron un dos mozos accedendo a unha cafetaría a través da ventá que forzaran previamente. Outro cumpría as funcións de vixilancia nas inmediacións e os dous íanse do lugar ao darse conta do seguimento pero foron interceptados a poucos metros.

AGRESIÓN A AXENTE

Os dous mozos intentaron fuxir malia que os axentes da Garda Civil xa lles deran a orde de que permanecesen quietos. Un deles agrediu o axente e deuse á fuga, pero puido ser arrestado posteriormente. Aos tres impútanselles os delitos de roubo con forza.

A A.G.B., de 22 anos e veciño de Nigrán, súmaselle tamén o de resistencia e desobediencia grave a axente da autoridade. Os outros dous imputados son A.T.F., de 20 anos e natural de Gondomar aínda que residente en Nigrán, e A.G.R., de 20 anos e de Gondomar, ao que se lle acusa tamén dun delito de receptación.

Te puede interesar