A Diocese de Ourense acolle con 'enorme alegría' e 'esperanza' o nomeamento de Leonardo Lemos como novo bispo

Destaca que levaban 'moito tempo rezando' para que esta 'noticia se producise' tras 'tantos dimes e diretes'
A Diocese de Ourense acolleu cunha 'enorme alegría' e 'esperanza' o nomeamento de José Leonardo Lemos Montanet como novo bispo da diocese ourensana e afirma que é un 'motivo de ilusión' para 'traballar con ganas' en 'todo o encomendado' e 'tantas frontes abertas como hai na diocese'.

O delegado de medios da Diocese de Ourense, Jorge Estévez, sinalou este venres que é unha 'mañá feliz para todos' e que, aínda que aínda está 'por confirmar' o día da súa ordenación na Catedral de Ourense, o que 'está claro' é que contan 'dende hoxe con don Leonardo como bispo electo' e, polo tanto, 'será o que terá' que asumir a 'coordinación' de 'tódolos traballos pastorais'.

Jorge Estévez sinalou que na Diocese de Ourense levaban 'moito tempo rezando' -dende que a praza quedase vacante en abril de 2010- para que ese nomeamento 'se producise' e, tras 'tantos dimes e diretes', finalmente 'xa' teñen bispo e 'iso é o mellor que lle pode suceder á igrexa diocesana'.

DESEXAN ÉXITO

Tamén na mañá deste venres se pronunciaba sobre o nomeamento do novo bispo da Diocese de Ourense o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, quen o quixo 'felicitar' polo seu nomeamento e asegurou que 'espera' que a súa 'xestión' redunde 'en beneficio da sociedade ourensana'.

Neste sentido, Manuel Baltar manifestou que levaban '23 meses' de 'espera' e co 'posto vacante' e aínda que a administración relixiosa 'segue funcionando' o feito de contar cun novo responsable da Diocese é unha 'noticia' que 'hai que saudar con alegría e lle desexar todo tipo de éxito na Diocese de Ourense'.

RECENSIÓN BIOGRÁFICA

José Leonardo Lemos Montanet naceu o 31 de maio de 1953 na parroquia de Santiago de Barallobre, Concello de Fene (A Coruña), na Diocese de Santiago de Compostela.

Aos 9 anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde realiza os estudios ata o bacharelato superior. Cursou COU no Instituto Xelmírez de Santiago de Compostela, ao tempo que realizaba o propedéutico no Seminario Maior. Cursou os Estudios Eclesiásticos, sendo ordenado Diácono no ano 1978.

En setembro dese mesmo ano foi nomeado formador no Seminario Menor Diocesano da Asunción. Dende este momento é socio da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz.

O 19 de maio de 1979, José Leonardo Lemos foi nomeado sacerdote ao servizo da Arquidiocese de Santiago de Compostela polo arcebispo Ángel Suquía Goicoechea. Continuou como formador do Seminario Menor, ao tempo que colaboraba as fins de semana na parroquia de Nuestra Señora de la Merced de Conxo (Santiago), ata setembro de 1982 en que é enviado a Roma para ampliar estudios.

Alí obterá a licenciatura en Filosofía Teorética por a Pontificia Universidade Gregoriana de Roma e as diplomaturas de Arqueoloxía Sagrada, Archivística e Biblioteconomía. Máis tarde, obtén o doutorado en Filosofía por a Pontificia Universidade de Santo Tomás de Roma, en xuño de 1987, coa tese 'O que chamamos ser humano. Ensaio sobre a antropo-ontoloxía de Anxo Amor Ruibal'.

No curso 1985-1986 empezou a súa actividade docente como profesor de Filosofía no Instituto Teolóxico Compostelano e no Seminario Menor da Asunción, ata a actualidade. Entre 1986 e 1988 exercerá de capelán da Residencia Universitaria Cristo Rey en Santiago de Compostela e profesor de relixión no Chester College International School.

Dende setembro de 1988 ata xuño de 2001 exerceu como formador no Seminario Maior de Santiago de Compostela, labor que compaxinará como sacerdote adscrito da parroquia de San Fernando, dende 1987 ata a actualidade.

Tras a súa etapa no Seminario Maior foi nomeado director técnico do Seminario Menor Diocesano no ano 2001, cargo que desempeña na actualidade. No Instituto Teolóxico Compostelano, Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca, desempeñou o cargo de vicedirector dende 2007 ata a actualidade, director da Biblioteca de Estudio Teolóxicos de Galicia, dende 1993 ata 2007 e director do Instituto Superior Compostelano de Ciencias Religiosas dende 2006.

En decembro de 2003 foi nomeado polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio, cóengo da Catedral de Santiago de Compostela, ocupando o oficio de cóengo-secretario capitular desta.

Te puede interesar