Divulgadores da UVigo: "Buscamos chamar a atención, nós producimos información fidedigna"

O divulgador Benito Vázquez, a vicerreitora de Comunicación Mónica Valderrama e Daniel Rey, director do CIM.
photo_camera O divulgador Benito Vázquez, a vicerreitora de Comunicación Mónica Valderrama e Daniel Rey, director do CIM.
A UVigo leva a cabo o curso “Comunica a tua Ciencia” para potenciar a capacidade de divulgación dos investigadores

A Universidade de Vigo pon en marcha distintas accións de divulgación científica baixo o paraugas do plan Ciencia de Ida e Volta, que conta coapoio económico da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). Este luns 27 e martes 28 de novembro, celébrase a actividade “Comunica a túa Ciencia”, un curso para potenciar a capacidade de divulgación dos investigadores e investigadoras da universidade. Mónica Valderrama é vicerreitora de Comunicación, mentres que Benito Vázquez, divulgador e investigador, e Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña, participarán como formadores. 

 

 

Que signfican estas axudas económicas e por que son importantes para a Universidade?

M: É o terceiro ano que conseguimos esta subvención, o cal non é moi frecuente. Alén do importe, o importante é o selo de calidade. Ser novamente recoñecidos conseguindo un importe maior que nas anteriores edicións significa que o que fixemos ata o de agora conta co aval e a confianza do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Cal é o calendario 2023-2024 de divulgación científica da UVigo? Se tivera que destacar unha data fundamental, cal sería?

M: Arrancamos con formación e rematamos cun concurso para youtubers. Estecalendario está pensado para chegar á cidadanía, pero tamén para axudar ao noso persoal investigador a que as pesquisas que desenvolven nos seus laboratorios cheguen máis alá. En canto a actividades, poderiamos destacar a feira científica que facemos no mes de abril e que nas últimas edicións contou co apoio da Deputación de Pontevedra, que agardamos renovar. 

Benito, que che gustaría transmitirlle aos compañeiros investigadores nesta formación?

B: Gustaríame que a miña experiencia servise de exemplo do que se pode facer en materia de divulgación e amosarlles algunhas das ferramentas que emprego para facer este traballo. Tamén quero darlles algunha idea de onde poden atopar financiamento para as súas actividades. Tamén vou falar sobre os xeitos de obter recoñecemento por ese traballo de divulgación. 

Daniel, cóntanos de que trata o proxecto “Desafíos do Océano”, que vén de ser recoñecido pola FECYT.

D: Tratamos de facer comunicación en colaboración cos artistas. Nós recoñecemos unha dificultade grande para chegar á cidadanía e buscamos en caladoiros nos que exista xente con especial capacidade para emocionar e facer a experiencia da transmisión da investigación científica moito máis intensa. Estas persoas, que xa están traballando no espertar de conciencias, parecéronnos idóneas. Polo tanto, Desafíos do Océano é un proxecto máis dentro deste marco, no que focalizamos nas artes visuais a través dunha serie de documentais. 

 

 

Como de fundamental é hoxe en día a formación en destrezas comunicativas no ámbito investigador? 

M: Unha cuestión moi relevante é a parte experiencial. Se queremos chegar a eses segmentos poboacionais que non teñen coñecemento
específico, é importante permitirlles ver, sentir e tocar. Por iso as feiras son tan exitosas. Para chegar a secundaria ou a niveis educacionalmente inferiores, cómpre intentar facer accións atractivas e incentivalas a través de premios ou regalos publicitarios. Pero o fundamental é que sexan experiencias lúdicas. 

D: O que buscamos a través destas accións son xeitos de chamar a atención sobre a información fidedigna. O noso camiño como educadores e divulgadores ten que pasar necesariamente por diferenciarnos do ruído mediático. O que nos producimos, que é información precisa con fundamento e rigor, pode perderse nese barullo. Temos que tratar de chegar á cidadanía nunha etapa importante a nivel formativo e ser capaces de emocionalos para que sintan unha diferencia.

Percibides un maior esforzo para facer esa divulgación científica máis accesible nos últimos anos?

B: Ademais deste programa, na universidade temos o catálogo de charlas en institutos que permite que un investigador vaia a un centro para contarlle o que está facendo ao alumnado en formación. Entre os obxectivos deste curso tamén está contarlle á xente que traballa nos laboratorios ou que está facendo unha tese, que tamén pode facer un esforzo por interpretar o contido científico para un público que non é especialista na materia.

D: Hai dous momentos destacados que cambiaron o xeito no que facemos divulgación. O primeiro foi a crise do 2008 que fixo que moita xente (artistas, xente dos medios de comunicación) quedaran sen traballo. Isto combinouse cunha urxencia do persoal científico e das institucións de explicar o gasto público en investigación. Ambos elementos axudaron á profesionalización da comunicación. A segunda parte foi a crise da Covid, que espertou un importante interese na cidadanía cara á investigación científica. E xunto con todo isto, tamén está o cambio nos medios cos que chegamos á xente. Hai unha substitución dos medios tradicionais polas redes e internet. 
B: A veces ten moito máis impacto unha visita nun centro, o contacto humano. Penso que o alumnado e as persoas en xeral perdémonos un pouquiño nas redes. A veces vexo vídeos moi populares con moitos “likes” e os conceptos que aí aparecen son errados. Non é o mesmo ver un laboratorio en vídeo que visitalo. Neste sentido, a universidade está facendo un importante esforzo.

Neste sentido, cales considerades que son as claves para que a divulgación científica sexa efectiva? 

B: A linguaxe debe ser sinxela e accesible para o público ao que nos diriximos. A min tamén me gusta moito vincular o contido do que se explica co currículum do centro que se visita e coa vida cotiá do alumando, as aplicacións técnicas e co impacto que ten na sociedade e no medio ambiente. Durante as nosas charlas, nós facemos experimentos en vivo. No ámbito da física este tipo de charlas teñen un longo percorrido. 

É aí onde reside o gran reto para os científicos á hora de comunicar; en descomprimir e facer máis sinxela esa información?

D: Os conceptos máis sinxelos son os máis difíciles de explicar. 

B: Dise que entendes algo cando llo podes explicar á túa avoa. A idea deste curso de formación para investigadores é moi interesante precisamente porque a moitos investigadores cústanos este tipo de reconversión. A min gustaríame que hai trinta anos me ofreceran un curso para comunicar mellor! É moi de valorar.

Te puede interesar