O DOG publica a declaración como Ben de Interese Cultural do Facho de Donón, en Cangas (Pontevedra)

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a resolución da Consellería de Cultura pola que se incoa o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de zona arqueolóxica, do Facho de Donón, no concello pontevedrés de Cangas.
Así, a partir do 15 de xaneiro abrirase un período de información pública polo prazo dun mes co obxectivo de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.

O Facho de Donón, situado no extremo occidental da península do Morrazo, ocupa un promontorio que sobresae da paisaxe, elevada sobre o mar nun acantilado de máis de 180 metros, cun grande dominio visual sobre o océano e as illas Cíes e Ons.

O seu gran valor, explica a Xunta, xustifícase principalmente pola existencia dun santuario composto por unha grande cantidade de altares dedicados a un mesmo deus céltico indíxena. Ademais, o lugar recolle sitios arqueolóxicos pertencentes a un arco cronolóxico e tipolóxico moi amplo, xa que inclúe petroglifos e asentamentos humanos dende o século X antes de Cristo ao século V despois de Cristo.

Te puede interesar