Editada a primeira guía de acollemento familiar de menores para profesionais

A Xunta de Galicia vén de editar por primeira vez unha guía de acollemento familiar de menores dirixida aos profesionais dos servizos sociais. Ata o de agora, en Galicia, o que existe é unha guía dirixida aos usuarios, non aos profesionais. O principal obxectivo da guía é dar a coñecer o acollemento entre os profesionais, principalmente os traballadores e traballadoras dos servizos sociais dos concellos, que traballan de primeira man coas familias. Estes profesionais poden detectar as situacións de risco e poden valorar como se desenvolve o acollemento e apoiar ás familias neste procesos.
A guía estase a distribuír por correo electrónico a todos os profesionais dos 315 concellos de Galicia e colgarase a principios desta semana na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar para estar a disposición dos profesionais interesados. Con esta publicación inténtase tamén mellorar o coñecemento que desta medida poidan ter os profesionais de servizos sociais, para que á súa vez informen adecuadamente ás familias de orixe dos menores e promovan o recurso, cando o valoren axeitado, ante os Equipos Técnicos de Menores. A colaboración da familia de orixe e a súa implicación co proxecto é nha parte fundamental para un axeitado desenvolvemento do acollemento, así como para lograr a reintegración familiar do menor.

CONTIDOS
A guía de acollemento familiar explica que é o acollemento familiar; as modalidades de acollemento familiar; que menores poden ser acollidos; a actuación dos servizos sociais e dos equipos técnicos de menores da Xunta de Galicia; como e quen pode solicitar un acollemento familiar; quen debe consentir o acollemento; a formalización do acollemento familiar; a remuneración deste recurso e o seu desenvolvemento; cal debe ser a relación entre a persoa menor acollida e os seus pais, ademáis dos acollementos profesionalizados e a lexislación aplicable.

Te puede interesar