EN GALICIA

As enfermidades circulatorias, as respiratorias e os tumores, principais causas de morte

A provincia que rexistra un maior número de defuncións é A Coruña, con 12.010; ségueno Pontevedra (9.085), Lugo (5.053) e Ourense (4.730)

As enfermidades circulatorias, os tumores e as patoloxías do aparato respiratorio son as principais causas de morte en Galicia, segundo a última análise da mortalidade na autonomía, realizada sobre a base de 2012.

Segundo os datos facilitados pola Xunta a través dun comunicado, dos 30.878 falecidos ese ano en Galicia, 10.369 defuncións (33,6%) debéronse a enfermidades do sistema circulatorio; 8.445 mortes (27,3%) foron por culpa de tumores; e outras 3.533 (11,4%) persoas faleceron afectados do sistema respiratorio.

Por provincias, a que rexistra un maior número de defuncións é A Coruña, con 12.010; ségueno Pontevedra (9.085), Lugo (5.053) e Ourense (4.730). En todas elas a principal causa de morte son as enfermidades do sistema circulatorio, séguenlle os tumores e finalizan a lista as enfermidades do sistema respiratorio.

Se se atende á causa específica, no ano 2012 as enfermidades cerebrovasculares son a primeira causa de morte, cun 9,4 por cento; ségueno as do corazón, cun 6,7 por cento; a insuficiencia cardíaca (5,5%); e os trastornos mentais orgánicos, senil e persenil (tamén cun 5,5%).

A continuación sitúanse os tumores malignos de traquea, bronquios e pulmón (5%); as enfermidades crónicas das vías respiratorias inferiores (agás a asma), cun 4,4 por cento; outras enfermidades do sistema respiratorio, tamén cun 4,4 por cento; e o infarto agudo de miocardio, cun 4,2 por cento.

AUMENTAN OS TUMORES

A conclusión que extrae a Xunta deste estudio é que "se aprecia unha tendencia á diminución das enfermidades do sistema circulatorio e un aumento dos tumores", nunha tendencia "lenta, pero constante".

Deste modo, explicou que as primeiras pasaron de ser o 36 por cento das causas de morte no ano 2000 a un 33,6 por cento en 2012, pero os tumores "mostraron unha tendencia á inversa", aumentando dun 26,4 a un 27,3 por cento nas mesmas datas.

É o caso, por exemplo de Pontevedra, onde as mortes por tumores (29,9%) case igualan as das enfermidades cardiovasculares en 2012. Non obstante, nas provincias de Lugo e Ourense mantéñense como principal causa de morte as enfermidades cardiovasculares (35%), superando en case 10 puntos aos tumores.
 

Te puede interesar