GALICIA

Estabilizado o incendio da Fonsagrada

No seu control traballan un técnico, tres axentes forestais, dez brigadas, seis motobombas, unha pa, catro helicópteros e dous avións

Os equipos de extinción de incendios conseguiron estabilizar ás 17,20 horas deste luns o lume forestal que se rexistra no municipio lucense da Fonsagrada, na parroquia de Bruicedo, que se iniciou ás 1.00 horas desta madrugada.

As estimacións provisionais estipulan que as lapas afectan a unha superficie de 28 hectáreas, das cales 20 son de monte raso e as oito restantes de arboredo.

No seu control traballan un técnico, tres axentes forestais, dez brigadas, seis motobombas, unha pa, catro helicópteros e dous avións, segundo explicou a Consellería de Medio Rural.

Pola súa banda, os equipos de extinción traballan no control das lapas no municipio lucense de Folgoso do Courel, onde o lume conseguiu ser estabilizado ás 12.30 horas deste luns. Este incendio xa calcinou 200 hectáreas en terreos de Rede Natura.

O incendio que afecta a parroquia tamén denominada de Folgoso do Courel declarouse o pasado sábado ás 19.18 horas. Nas tarefas para controlalo traballan dous técnicos, 17 axentes forestais, 35 brigadas, 23 motobombas, dúas pas, sete helicópteros e tres avións.

LAPAS CONTROLADAS EN NAVIA

O lume que permanece controlado dende as 11.20 horas deste luns é o rexistrado na parroquia de Ribeira, no municipio lucense de Navia de Suarna. Este lume, que se iniciara ás 17.27 horas do sábado, afectou a 431 hectáreas en terreos de Rede Natura.

No seu control seguen traballando un técnico, dez axentes forestais, 41 brigadas, 24 motobombas, unha pa, dez helicópteros e seis avións. Tamén colaboran membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Te puede interesar