O BNG critica que a Xunta esqueza unha data 'tan relevante para a cultura galega' como o centenario do nacemento do profesor galeguista e cre que debería sentir 'vergoña'

Unha estatua lembra os 100 anos de Carbalho Calero

A vicevoceira do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, lamentou que a Xunta esquecese unha data 'tan relevante' para a cultura galega como o centenario do nacemento de Ricardo Carbalho Calero, un feito polo que opinou que a Administración autonómica 'debería sentir vergoña'.
Así o manifestou a deputada nacionalista no acto de inauguración dunha estatua en honra ao catedrático galeguista na avenida Xoán Carlos I en Santiago, unha iniciativa da Fundación Meendinho á que asistiron representantes das tres universidades galegas e a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Santiago, Elvira Cienfuegos, entre outras personalidades.

Neste escenario, Ana Pontón sinalou que a formación nacionalista 'se sumou' a este acto en conmemoración 'dunha persoa que loitou toda a súa vida pola recuperación da lingua galega e a súa normalización', polo que mostrou o seu agradecemento 'a todas as entidades civís que homenaxearon 'ao primeiro catedrático de lingüística e literatura galega'.

Ademais, a nacionalista criticou que a 'máxima institución' de Galicia 'se esquecese' de este centenario 'tan relevante e significativo' para a cultura da comunidade, o que, segundo destacou, 'demostra unha vez máis a política antigalega que segue o Goberno popular'. Así mesmo, apuntou que o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, 'deberían sentir vergoña' pola 'política de menosprezo' e 'esquecemento dos creadores' na que a administración 'está empeñada a fondo'.

Ricardo Carbalho Calero foi profesor en Dereito e en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Doutor pola de Madrid. Ademais, o pensador foi un recoñecido membro da Real Academia Galega, e o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Precisamente, para conmemorar o nacemento desta figura varias entidades participaron na iniciativa que a Fundación Meendinho preparou para inaugurar unha estatua na súa honra en Santiago. No acto participaron membros da CIG e Asociación Galega da Lingua.

Te puede interesar