Falso empresario estafa sete traballadores da construción de Pontevedra

Edificio en construcción. (Foto: EFE)
Un falso empresario que se facía pasar por intermediario dunha construtora domiciliada en Madrid estafou polo menos sete traballadores da construción da provincia de Pontevedra, segundo denunciaron hoxe os propios afectados co secretario da Construción da CIG, Xoán Xosé Melón.

A estafa consistía en solicitar por anticipado 78 euros a cada traballador, cos que contactara previamente por teléfono, para custear os gastos do recoñecemento médico como requisito indispensábel para traballaren nas obras da estación do AVE en Ourense.

Acontece que os traballadores, ao sospeitaren do suposto empresario, contactaron coa Fremap para comprobaren se había reservadas citas para os devanditos recoñecementos, e que tal e como temían non foran tramitados, polo que tamén chamaron a empresa Emalsa, que lles confirmou que foran estafados.

Os afectados organizaron entón unha 'celada' e quedaron co falso empresario nunha cafetaría do Porriño co pretexto de que conseguiran máis compañeiros para as obras polas que lles prometeran un salario de 1.400 euros.

Chamaron a Garda Civil, que derivou o caso á Policía Local do Porriño que, unha vez no bar, solicitou a identificación dos denunciantes mentres que o denunciado achegou verbalmente os seus datos ao non levar o DNI, e nun momento dado abandonou o estabelecemento e fuxiu, segundo relataron os traballadores.

Despois a Garda Civil confirmou a identidade do suposto empresario, a quen constaban varios antecedentes por outras estafas similares utilizando o nome da empresa Emalsa, de que dicía ser un intermediario.

Xoán Xosé Melón cualificou os feitos como 'un paso máis' na situación de 'deterioración' do sector da construción, onde 'xente sen escrúpulos se aproveita das necesidades das persoas' para dar este tipo de golpes, e alertou de que se non se toman medidas se poden volver reproducir.

Te puede interesar