SUCESO EN RIANXO

A familia do mozo que desaparecera en Rianxo agradece o amplo dispositivo de busca

O mozo de 19 anos xa descansa na súa casa, despois de que na noite do sábado fose dado de alta no Hospital Clínico de Santiago

A familia do mozo de Rianxo (A Coruña) ao que se buscaba dende o venres e que foi atopado vivo na tarde do sábado na parroquia de Rabuño, a uns 300 metros do lugar no que apareceu o seu coche accidentado, mostrou o seu agradecemento a todos os participantes na busca.

A familia agradeceu a todas as persoas que formaron o amplo dispositivo de busca, composto por unha 200 persoas -- entre veciños, Policía Local, efectivos de Protección Civil ou a unidade canina da Garda Civil -- e que permitiu dar co rapaz que permanecía desaparecido dende a madrugada do venres.

O mozo de 19 anos xa descansa na súa casa, despois de que na noite do sábado fose dado de alta no Hospital Clínico de Santiago. Por iso, a familia pediu aos medios que respecten o seu descanso para que se poida recuperar das súas lesións.

Segundo explicou a Europa Press o xefe da Policía Local de Rianxo, Antonio Tubío, foi atopado ferido, "esgotado e atordado", pero consciente, polo que unha ambulancia o trasladou ao hospital compostelano.

Un grupo de voluntarios atopouno pasadas as 18,00 horas na parte de atrás do campo de fútbol de Rabuño, nun desnivel a dous ou tres metros dunha pista. A busca centrábase nas inmediacións do vehículo accidentado toda vez que se atopou un rastro de sangue e pisadas.

Te puede interesar