Galicia

Feijóo anima a seguir impulsando a cooperación entre Galicia e Portugal

Galicia

Eixo Atlántico

Feijóo anima a seguir impulsando a cooperación entre Galicia e Portugal

Alberto Núñez Feijóo este luns no Centro Galego de Lisboa.
photo_cameraAlberto Núñez Feijóo este luns no Centro Galego de Lisboa.

Así o manifestou o mandatario autonómico durante a recepción do Centro Galego de Lisboa, onde aseverou que ambos os países "camiñan, inexorablemente, cara o traballo conxunto e a unión"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou este luns a "seguir impulsando a cooperación leal" entre Galicia e Portugal como "a mellor fórmula para que as dúas sociedades veciñas poidan aproveitar as oportunidades do futuro" e "seguir compartindo pasado, presente e, sobre todo, futuro".

Así o manifestou o mandatario autonómico durante a recepción do Centro Galego de Lisboa, onde mantivo unha reunión coa súa directiva na que aseverou que ambos os países "camiñan, inexorablemente, cara á cooperación, o traballo conxunto e a unión".

Tal e como informou o Goberno galego nun comunicado, Feijóo destacou que ambos os territorios "xa cooperan en moitos ámbitos, como o turismo, as políticas sociais, o medio ambiente, as emerxencias, o transporte, a lusofonía e a acción exterior, entre outras cousas".

Nesta liña, a cabeza do Executivo autonómico subliñou a aposta por consolidar un espazo lingüístico común ante a "similitude" das linguas propias e a cooperación transfronteiriza na xestión das emerxencias.

Ademais, fixo fincapé o impulso á innovación e deseño dunha resposta conxunta ao "reto demográfico" ou aos traballos que manteñen as administracións públicas para a mellora do Camiño Portugués da Ruta Xacobea.

"E, moi especialmente, avanzamos na consolidación da Eurorrexión, un espazo de traballo conxunto que ten potencial para ser un dos centros de decisión nunha Europa que debe ser cada vez máis descentralizada", expresou para despois apostar por "seguir defendendo unha mellora" de infraestruturas tanto marítimas como ferroviarias.


"Un auténtico Eixo Atlántico"


Sobre isto último, Feijóo aseverou que, igual que a Comisión Europea decidiu o pasado mes incluír a Galicia no Corredor Atlántico, a Comunidade defenderá que as liñas de altas prestacións que unen A Coruña e Vigo "cheguen até Porto, para ser un auténtico Eixo Atlántico".

Así mesmo, o presidente da Xunta afirmou que Galicia e Portugal avanzaron "moito" nos últimos anos, cun crecemento económico "por enriba da media" da Unión Europea, "apoiado tanto no investimento como nas exportacións".

E é que, entre xaneiro e abril deste ano, as exportacións galegas ao país veciño creceron un 22 por cento, o máximo histórico neste período, segundo os seus datos.