POLÍTICA

Feijóo pide a Besteiro que aclare os datos que lle pide a xuíza "polo ben da política"

Besteiro compareceu esta mañá para dar conta da documentación que asegura que "desmonta falsidades"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, imputado por tráfico de influencias, prevaricación, suborno e delito contra a ordenación do territorio, que explique e "acredite" a documentación solicitada pola xuíza Pilar de Lara "polo ben" da política e polo ben do Partido Socialista".

A pesar de non se pronunciar sobre se Besteiro debe dimitir ou non, preguntado ao termo da reunión do Executivo autonómico, o tamén líder do PPdeG sí considerou que o dirixente socialista debe "acreditar determinadas cuestións", tras pospoñer a xuíza a súa declaración como imputado co argumento de non dispoñer da documentación patrimonial e bancaria solicitada.

En concreto, Pilar de Lara investiga se hai relación entre os permisos definitivos que se deron para urbanizar O Garañón e o piso que Besteiro e a súa esposa compraron ao socio dunha empresa que vendera antes o soar e indaga se se puido ver favorecido no prezo e na reforma posterior do inmoble.

O propio Besteiro compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da documentación que asegura que "desmonta falsidades" e que entregará en sede xudicial este xoves, xunto co recurso da súa defensa relativo á solicitude de nulidade da imputación.

"Correspóndelle a el explicar cal é a súa situación, cal é o seu posicionamento, por que hai determinada documentación que dende o principio non se aclara e se aclara cando a xuíza pida", considerou Feijóo.

Neste sentido, sinalou que seguen co "interese normal" unha situación pola que "un cidadán, que ademais é o líder do principal partido da oposición", debe acreditar documentación que a xuíza solicita. "Esperemos que o acredite, polo ben da política, e polo ben do Partido Socialista", concluíu.

Te puede interesar