Gandeiros particulares denuncian provedores pola mala calidade gasóleo

O secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, confirmou que algúns gandeiros galegos, de diferentes comarcas, denunciaron a título 'particular' provedores de gasóleo, polas avarías que sufriron os seus tractores por causa, supostamente, da mala calidade do combustíbel.
Segundo dixo Francisco Bello á Efe, 'moitos asociados' comunicaron ao sindicato que 'tiveran problemas nos inxectores e nas bombas do gasóleo, sobre todo en tractores de última xeración, con motores common rail'.

Por iso, 'de entrada', o sindicato está intentando 'indagar o que está pasando' e Bello pediu a 'todas as persoas afectadas que se poñan en contacto con XXAA'. Despois, explicou, 'os avogados valorarán se é posíbel presentar unha causa conxunta ou hai que solicitar indemnizacións por danos a título individual'.

Despois desas denuncias, explicou o secretario xeral do sindicato, XXAA púxose en contacto cun número importante de talleres de maquinaria agrícola en diferentes bisbarras galegas, algúns especializados na reparación das bombas e inxectores, e confirmou que 'efectivamente, había moitísima incidencia dese tipo de avarías'.

Segundo as explicacións recibidas por parte dos mecánicos, Bello confirmou que '90% desas avarías foron provocadas pola mala calidade de gasóleo', que tiña 'algún produto estraño ou ben, simplemente, porque non reunía os requisitos mínimos'.

O líder sindical explicou que XXAA recibiu aviso de todas as comarcas de Galicia, aínda que nalgunhas a incidencia parece ser maior, como acontece no caso da Terra Cha (Lugo), do Deza (Pontevedra) e de Bergantiños (A Coruña), porque son 'zonas líderes' en gandaría e as explotacións teñen 'tractores con máis cabalos'.

Ademais, confirmou que, despois de denunciar publicamente este tema, o sindicato está recibindo moitas máis chamadas procedentes doutros lugares, porque 'os problemas non son menores e, nalgúns casos, os gandeiros tiveron que afrontar avarías de até 6.000 euros'.

Nese sentido, o sindicato pediu a 'quen teña a competencia, sexa a Axencia Tributaria, o Ministerio ou a Consellaría de Industria, que investiguen estes feitos, encontren os culpábeis e determinen se hai algún tipo de fraude'.

'O que non estamos dispostos é a pagar o gasóleo ao prezo que o estamos pagando e que, ademais, non teña as características que ten que ter', concluíu.

Te puede interesar