Identifican a tres furtivos, comisan 77 quilos de ameixa e interveñen varios útiles en Ferrol

Efectivos do Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar, en colaboración con axentes da Policía Autonómica, realizaron un novo operativo de madrugada na ría de Ferrol que se saldou coa identificación de tres persoas, co comiso de 77 quilos de ameixa babosa e a incautación de varios útiles.
Segundo informa a Consellería do Mar, a actuación desenvolveuse nas zonas de O Couto e Neda e a ameixa intervida, extraida de forma ilegal, foi resementada no mesmo lugar.

Ademais, os gardacostas incautáronse de 18 útiles: tres raños, cinco pranchas de poriespán, dous traxes de neopreno, dúas lanternas, catro salabardos, un sacho e unha cadea. Os axentes levantaron actas de presunta infracción ás tres persoas identificadas.

No seu comunicado, o departamento que dirixe Rosa Quintana recorda que o marisco extraido e comercializado de forma ilegal non conta con ningunha garantía sanitaria. O seu consumo pode supoñer un risco para a saúde ao non pasar ningún tipo de control que o avale, subliña e pide ao consumidor 'que non compre produto que non conte con todas as garantías'.

Te puede interesar