Jorquera (BNG) reclama a comparecencia do presidente de Renfe 'polo desmesurado aumento' dos prezos de tren

Foto: Archivo
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, solicitou este xoves a comparecencia do presidente de Renfe-Operadora para que explique a que se debe 'o desmesurado incremento' das tarifas dos servizos ferroviarios de media distancia que comunican as cidades galegas.
Tamén rexistrou Jorquera unha iniciativa parlamentaria na que dirixe varias preguntas ao Goberno, como o motivo polo que se implementar un aumento 'tan significativo' dos billetes, 'xusto no peor momento económico, no que as maiorías sociais sofren a maior perda do seu poder adquisitivo que se recorda en décadas'.

'¿É normal que se adopten decisións deste tipo que prexudican sobre todo a traballadores e estudantes? ¿Vai o ministerio a ter en conta o grave contexto económico para dar marcha atrás no aumento das tarifas de tren?', inquire o parlamentario nacionalista.

Neste contexto, demanda o Goberno central 'que conxele as tarifas' de tren e afirma que 'aínda que pretenda disfrazar baixo todo tipo de eufemismos inintelixibles, a cuestión é que con este tipo de decisións, que se suman a outras moitas, se está a encarecer o custo da vida'.

Un camiño que, censura, 'leva á asfixia de moitas familias e cidadáns que están a padecer a aplicación inxusta de recortes económicos'.

Te puede interesar