Leis preguntada sobre a posibilidade de dimisión de Currás: 'É unha decisión que ten que tomar el. Entendo que non'

Asuntos de "contratación urxentes" impediron que o rexedor compostelano fose ao acto da USC, segundo o seu número dous

A primeira tenente de alcalde de Santiago, Reyes Leis, respondeu que "é unha decisión que ten que tomar el" ao ser preguntada se o alcalde compostelano, Ángel Currás (PP), vai optar por presentar a súa dimisión, aínda que posteriormente apostilou, dirixíndose aos medios de comunicación: "Entendo que non, porque se non, teriades noticias".

Na mañá deste luns, o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PP na provincia coruñesa, Diego Calvo, instou Ángel Currás a que "reconsidere a súa opción", ao ser preguntado se debería presentar a súa dimisión. "Que o pense ben e decida", sinalou.

Pero o rexedor ratificou que "por suposto" que ten pechados os nove membros do Goberno compostelano para substituír as sete dimisións forzadas por unha sentenza xudicial e as dúas renuncias restantes de edís imputados na Pokémon. Así, mantense a convocatoria para as 18,00 horas deste luns para presentar o novo equipo de goberno compostelano, aínda que Currás non aclarou se, como era a súa intención, puido trasladarlle a composición ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

Reyes Leis respondeu aos medios sobre unha hipotética renuncia de Currás á súa chegada ao Hostal dos Reis Católicos, onde estivo reunida co alcalde e con técnicos. Minutos antes, na Casa do concello, o primeiro tenente de alcalde intentara trasladar unha imaxe de normalidade no medio da grave crise que sofre o Concello compostelano.

CUESTIÓNS DE CONTRATACIÓN

Así, atribuíu a asuntos de "contratación urxentes que había que resolver" o feito de que Ángel Currás non asistise á toma de posesión do novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, como tiña confirmado. Ademais, negou que na mañá deste luns se producise algunha reunión coa cúpula do PPdeG.

Segundo Reyes Leis, a única edil de Santiago que permanece dende o principio da lexislatura e sobre a cal non pesa ningunha imputación, o alcalde non puido asistir á toma de posesión de Juan Viaño porque as "cuestións de contratación urxentes as había que resolver hoxe e, polo tanto, priorizarse".

En calquera caso, a número dous do Concello compostelano negou que se producise nas últimas horas algunha reunión con cúpula autonómica de PP, despois das advertencias públicas da dirección provincial para que Currás reconsidere a súa dimisión.

Tras asistir entre as 9,30 horas e pouco antes das 11,00 horas á Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, o rexedor non acudiu á toma de posesión de Viaño, que tivo lugar dende as 12,00 horas e á cal si foi o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén evitou aclarar se coñecía o novo equipo proposto polo rexedor compostelano para cubrir as nove vacantes.

Posteriormente, sobre as 13,20 horas, Currás regresou ao Concello de Santiago, xunto a Reyes Leis e a Néstor Varcárcel, quen estivo dende hai un ano no equipo da exconcelleira de Facenda Cecilia Sierra e que sería un dos nomes propostos polo rexedor para cubrir as nove prazas vacantes.

CURRÁS DI QUE "ESTÁ A TRABALLAR"

Cando chegou, o alcalde compostelano alegou que "está a traballar" e preguntado se as cousas seguen igual limitouse a dicir: "eu creo que si". Currás ten previsto presentar ás 18,00 horas deste luns o novo equipo de goberno de Santiago.

Pouco despois das 14,00 horas e con xesto serio, o alcalde abandonou o Pazo de Raxoi en dirección ao próximo Hostal dos Reis Católicos, de onde tamén marchou sen querer aclarar aos medios de comunicación a súa situación e unicamente se dirixiu a uns peregrinos que estaban sentados na zona da cafetaría cun saúdo en inglés.

Ángel Currás, sobre quen pesa unha imputación na Operación Pokémon e outra nunha causa por suposto acoso a un policía local, accedeu ao bastón de mando de Santiago de Compostela tras a dimisión forzada, en abril de 2012, de Gerardo Conde Roa, que fora imputado por fraude fiscal, un delito polo cal acabou por ser condenado a dous anos de prisión.

Currás era o candidato de Conde Roa para relevalo na Alcaldía, fronte ás preferencias da dirección autonómica por Paula Prado, quen, non obstante, tamén tivo que dimitir como voceira do PPdeG ao resultar tamén salpicada pola Pokémon, aínda que polo momento non está imputada.

Te puede interesar