Máis Galiza confía que os edís da corrente 'volvan a casa'

Máis Galiza, unha das correntes con máis pulo dentro do BNG e unha das poucas capaz de facer fronte á hexemonía da UPG dentro desta organización, formalizaba hai unha semana a súa marcha da formación frontista, seguindo os pasos do Encontro Irmandiño (EI) que lidera Xosé Manuel Beiras.
Porén, polo camiño quedaron os partidarios desta corrente -que agora hase converter en partido político-que detentan cargos públicos. Xoán Bascuas, secretario xeral de esta nova Máis Galiza convertida en partido, resta importancia a esta circunstancia e considera que haberá tempo para falar con eles e intentar integralos de novo. 'Hai que ir sen présa, pero sen pausa e con moito sentidiño', comenta.

Sobre a situación de Máis Galiza e os contactos con Encontro Irmandiño, Bascuas dixo que 'no noso congreso fixemos unha proposta para constituírnos nunha organización partidaria e autónoma e unha vez acordado iso decidimos ver o estado da nosa organización e dos nosos cargos institucionais. Estamos nese punto. Estamos mirando como está a nosa casiña. Entendemos que temos que pensar niso antes de dar un paso e empezar a falar cos demais. Nese sentido, non temos empezado conversas con ninguén', comentou.

En torno a situación da formación, unha vez que os alcaldes de Máis Galiza optaron por ficar no BNG, subliñou que'nas nosas intervencións no congreso, nós non pedíamos heroes, porque entendiamos que os nosos alcaldes e alcaldesas a quen se deben é a súa cidadanía. Tempo haberá de que poidan recapitular e ver cal é o estado da cuestión. Nós non queriamos heroes, o que queríamos é xente cumpridora coa súa xente e as súas obrigas. Haberá tempo para falar con eles tamén', sinalou o dirixiente da formación.

Te puede interesar