Médicos din que municipios galegos quedarían coa metade de cobertura se rexeitan a estatutarización obrigatoria

Sanidade analiza a 'forma óptima' de aplicalo 'tendo en conta a realidade sociodemográfica e estrutura organizativa asistencial'
A Asociación Profesional de Médicos Titulares de Galicia alerta de que municipios do rural galego poderían quedar 'coa metade de cobertura' no caso de que os médicos titulares e de cota e zona rexeitasen a estatutarización obrigatoria que recolle o Real Decreto lei 16/2012 de 20 abril e opten por manter a condición de funcionarios adquirida mediante oposición.

En declaracións a Europa Press, o presidente desta asociación galega, Carlos Salas, explicou que no Real Decreto, que será levado o 24 de maio ás Cortes para a súa aprobación, 'obriga a unha integración' de médicos, persoal de enfermaría e matronas titulares de praza, o que consideran que 'atenta contra uns dereitos adquiridos dende hai moitos anos de exercicio'.

Ao respecto, o doutor Salas recorda que ata o ano 1982 o corpo de médicos titulares 'era a base da atención sanitaria' en España', polo que critican esta medida 'a nove anos vista da desaparición do corpo', xa que dende os anos 90 as autonomías os teñen amortizados, ao pasar a ser prazas do novo sistema coas xubilacións destes profesionais.

'Cada ano son menos os que van quedando e non representamos ningún problema', apostilou, para cifrar nuns 600 os médicos titulares e de cota e zona afectados en Galicia; en 250 os profesionais de Enfermaría e unhas 200 as matronas.

Por iso, os médicos afectados insisten en que a disposición que recolle a estatutarización obrigatoria 'atenta' contra os seus 'dereitos de sempre'. 'Se queremos seguir exercendo funcións sanitarias debemos renunciar á nosa condición de funcionarios', explicou.

Neste sentido, os médicos titulares recalcan que o feito de que 'desapareza o sistema retributivo actual non se fai con ningún colectivo' e rexeitan que o Goberno central promova esta medida 'alegando que é para corrixir determinadas situacións estruturais'.

Ademais, critican que vaian 'ser expulsados da Administración sanitaria' os profesionais que non renuncien á súa condición de funcionarios e pasen a ocupar 'prazas administrativas'. 'É un contrasentido que para manternos como funcionarios se nos bote das instalacións sanitarias públicas', lamentaron.

INTEGRACIÓNS FUNCIONAIS

Ao fío diso, recordan que a sanidade está transferida ás autonomías e que na actualidade os corpos titulares negocian coa Administración autonómica a integración no novo sistema 'para evitar conflitos e tensións', matizando que en Galicia se levan a cabo ata o momento 'integracións funcionais', o que supón incorporarse ao novo sistema 'sen perder a condición de funcionario'.

Os médicos titulares galegos recordan que en Galicia a maior parte prestan asistencia sanitaria en municipios rurais, polo que advirten de que se rexeitan a estatutarización obrigatoria moitos concellos se atoparían con 'cobertura sanitaria á metade'.

Nesta liña, o presidente da Sociedade Española de Medicina Xeral Solidaria e membro da Comisión Nacional de Deontoloxía da Organización Médica Colexial, Manuel Solla, comentou que o Real Decreto 'entra en contradición' porque 'vai producir un incremento do gasto', porque se os médicos, enfermeiros e matronas titulares 'deciden integrarse no novo sistema pasarán a cotizar de Muface á Seguridade Social' o que, segundo estimou, implica pasar de 150 a case 600 euros.

EFICIENCIA

Así mesmo, Solla, membro do gabinete de crise da Organización Médica Colegial, apuntou que, en caso de que non se quixeran integrar para manter a condición de funcionario, 'iríran a unha praza non sanitaria e cobrarían por un traballo de funcionario, duplicando o gasto'. 'O criterio de eficiencia alegado polo Goberno cae polo seu propio peso', apostilou.

Tamén considerou que a 'urxencia' alegada polo Goberno 'non se entende' e cren 'inconstitucional' a medida, que recorreron o Executivo vasco e catalán, porque o Real Decreto supón 'unha expropiación dos dereitos', segundo lamentan os médicos titulares galegos, que levan máis de 30 anos de servizo. En toda España, segundo datos da SEMG Solidaria, hai entre 20.000 e 25.000 profesionais afectados, máis dun millar deles en Galicia. 'Alguén se equivocou de xeito importante', advirten.

Os profesionais sanitarios afectados con esta norma consideran que de levarse a cabo 'suporían un quebranto asistencial' porque en 'no mellor dos casos aparecía outro traballador' no posto de quen opte por manterse como funcionario, se non se produce un recorte de equipos'.

MOBILIZACIÓNS

Para abordar esta situación, ás 20.00 horas deste martes convocouse unha asemblea informativa na sede compostelana do Colexio de Médicos de A Coruña e o mércores está prevista unha reunión de representantes deste colectivo co voceiro do PPdeG en materia sanitaria, Miguel Santalices.

O venres 11 de maio está prevista unha xornada de médicos titulares en Madrid, á que asistirán facultativos de toda España, así como unha reunión de todas as vocalías de Atención Primaria. Coincidindo con estas mesas políticas e profesionais está prevista, ademais, unha concentración de afectados.

EN ESTUDIO

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade 'está a estudar', segundo explicaron a Europa Press fontes do departamento que dirixe Rocío Mosquera, a 'forma óptima' de aplicar os puntos recollidos no Real Decreto ao respecto co fin de levar a cabo a súa implantación 'tendo en conta a realidade sociodemográfica e a estrutura organizativa asistencial' en Galicia.

Así mesmo, Sanidade incidiu en que 'está a analizar' as 'repercusións' desta medida promovida polo Goberno central para pronunciarse 'máis en detalle sobre ela'.

Te puede interesar