A Mesa de Bombeiros rexeita participar en desafiuzamentos e di que abrir portas non é a súa tarefa se non hai risco

A Mesa intersindical de Bombeiros de Galicia trasladou este martes a súa 'postura de profundo rexeitamento ao feito de que se empreguen os servizos de extinción de incendios e salvamento' para abrir portas en casos de desafiuzamento.
'É necesario aclarar que a apertura de portas ou cancelas cando non existe risco para persoas, animais ou bens materiais, é unha actividade que escapa totalmente das tarefas que debe afrontar o bombeiro profesional', destacou a mesa, integrada por UGT, CIG, CC.OO. e SIB-GAL, nun comunicado.

Así, aínda que sinalan que non é o seu labor 'valorar a xustiza ou inxustiza dos desafiuzamentos', destacan que abrir portas non é a súa tarefa se non hai unha situación de perigo.

Ademais, advirten de que 'mobilizar á totalidade dos bombeiros de servizo nunha bisbarra' para practicar un servizo 'non específico e non urxente, como é a apertura dunha porta sen existir riscos asociados', supón asumir unha demora 'moi importante' nos tempos de resposta ante unha urxencia 'que precise realmente do servizo de extinción de incendios'.

'Carecemos da formación precisa para practicar as aperturas de fechos, distando moito a nosa técnica, baseada na ruptura de portas, tabiques ou ventás, da realizada polos técnicos especialistas na materia'.

'A Mesa intersindical, en nome de os bombeiros que estamos a prestar os nosos servizos á cidadanía galega, mediante a fórmula de xestión indirecta, manifestamos a nosa postura de profundo rexeitamento ao feito de que se empreguen os servizos de extinción de incendios e salvamento para practicar aperturas de portas en casos de desafiuzamentos', proclama e traslada o seu apoio aos efectivos do parque de A Coruña que foron chamados para o desafiuzamento de Aurelia Rey o pasado 18 de febreiro.

Te puede interesar