Entrevista

Milagros Otero: “As mulleres que teñen fillos están moito máis discrimindas"

20151009_103024_result
photo_camera Milagros Ortero Parga é a nova Valedora do Pobo.

É  a primeira muller que senta na cadeira do Valedor do Pobo. 

Milagros Otero é a primeira muller que senta na cadeira do Valedor do Pobo. 

Como soubo que o PP a ía propoñer para o cargo?
Pois a verdade que foi toda unha nova porque en ningún momento da miña vida tiven ningunha pretensión de ámbito que non fose a miña carreira universitaria. Nun momento dado o Partido Popular, que foi o que me propuso a min, chamou para preguntarme si estaba disposta a aceptar. Despois de ter unha sorpresa grande, porque non teño aspiración de ningún tipo máis que académico, pois simplemente dixen que estaba ao servizo de Galicia. 

Quen a chamou?
(Rise) O Partido Popular. 

Feijóo?
Non dixen o presidente, dixen o Partido Popular. 

Aceptou de inmediato ou o tivo que pensar?
Aceptei de inmediato porque teño un profundo sentimento de responsabilidade. O que si teño que dicir é que notei no estómago como unha sensación estrana. Sempre pensei que as persoas temos que estar abertas ás posibilidades e pensei de verdade en Galicia. Pensei que era un momento políticamente importante, pensei que hai moitísimo traballo que facer dende esta institución. Despois de preguntarlle se estaba seguro de que o meu perfil era o que máis podía interesar, porque nunca tiven ningunha actividade política, respondéronme que precisamente era ese perfil o que se buscaba, que non sexa político, que non sexa xudicial, que sexa un perfil de persoa simplemente preocupada... Preguntaron cal era a miña forma de ver o dereito. Esa búsqueda que eu sempre tiven da xustiza por encima da legalidade, incluso esa defensa de valores pois parecía que era o perfil que podía ser interesante para Valedor. Iso foi únicamente o que falamos. 

É a primeira muller numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia, a única decana da Facultade de Dereito e agora a primeira Valedora. Abre portas ou lle vai a marcha?
Iso de que me vai a marcha a verdade non sei moi ben en que sentido tomalo. 

No de precursora.
É unha cuestión de oportunidade máis ben. Penso que antes cá min tiña que ter habido moitas outras. Ser o primeiro é simplemente non ter diante a ninguén. Se o da marcha refírese a si o busquei, non. Non me propusen nin estiven agardando por esas cousas que dende o meu punto de vista son honores. Valoro moito esa circunstancia e síntome moi honrada, pero penso que é puramente circunstancial. Outras mulleres antes que min deberían ter sido.

Foille fácil como muller chegar a eses cargos?
Eu penso que as mulleres e os homes deberían ser considerados absolutamente iguais. Non porque sexan iguais exactamente, xa que afortunadamente somos diferentes, senón porque a intelegencia, a vontade ou a capacidade de traballo non teñen sexo. Eu procedo dunha familia de mulleres. Somos cinco irmás e un único irmán, que é máis pequeno. A min educáronme en facer as cousas o mellor que puidese. Era a miña obrigación.

E non merecía ningún outro mérito nin ningunha outra cousa. Sempre traballei así, sen preocuparme de si era home ou muller. Simplemente quería facer as cousas o mellor posible. De intelixencia son unha persoa absolutamente normal, pero son moi traballadora. Gústame traballar e teño unha vantaxe cara a iso que pregunta. Realmente as mulleres que están moito máis discriminadas e teñen moitos problemas son as que teñen fillos. As mulleres como eu, que non están casadas e non teñen fillos, a verdade é que temos moitas máis posibilidades. As que teñen de verdade problemas son as que teñen outras ocupacións ademais das laborais. 

O PSOE non puxo atrancos  ao seu nomeamento. 
Son unha muller de consenso, de mediación, unha muller de cultura de paz. Son unha persoa á que non lle gustan os conflitos e penso que moitas veces poderíanse solucianar antes de producirse sinxelamente falando. Teño moita fe na capacidade das persoas para resolver os seus propios problemas. Creo que falando enténdese case todo o mundo. E digo case porque a vida ensinoume que non se entenden todos, enténdense os que se queren entender. Hai quen non se quere entender e entón dá igual que fales ata fartarte, pero en xeral teño moita fe na raza humana. É como a tarefa que facemos aquí. Cando hai un problema concreto porque nolo pantean ou o observamos na rúa, chamamos ás persoas e preguntámoslles polo problema. 

Dirixentes do PSOE cualificáronma de muller sensata, aínda que escorada cara a dereita. Tiraralle das orellas á Xunta si é necesario?
Por suposto. Gústame moito que me consideren unha muller sensata porque o son. É certo. Penso moito as cousas. Nunca actúo ás arroutadas, sempre penso os pros e contras. Pola miña formación en Dereito, pero non en Dereito positivo, en leis, senón pola Filosofía do Dereito, sei que case nunca hai o branco ou o negro, case todo é gris, case todo depende das circunstancias. Teño moi claro o concepto da responsabilidade porque o teño moi estudado; teño moi claro o concepto da xustiza, o dos deberes...

Son case os pés que me dediquei a estudar toda a miña vida. Sabía a responsabilidade que asumía cando aceptei este cargo e determina que cando haxa que darlle un toque de atención a quen sexa daráselle. É a miña obrigación e non significará un problema. Varias persoas, xornalistas sustancialmente, fixéronme esta mesma pregunta. Se cadra é que está na rúa. A min sorpréndeme porque baixo ningún punto de vista poderíalleme ocorrer que puidese ser doutra forma. Esta é unha institución absolutamente independente que non depende do Goberno. Evidentemente, ao Valedor do Pobo propono un partido e non vai propoñer a unha persoa que sexa totalmente allea ao que ese partido considera que pode ser mellor. Pero esa é a única significación que ten. A min sorpréndeme que alguén poida dubidar diso.

Unha muller ou un home de Toén pode pensar que como a propuxo o PP...
(Interrompe) Claro, pero sempre che ten que propoñer alguén. Creo que si os outros partidos políticos dubidasen de que eu puidese desenvolver a miña función dese xeito non me terían apoiado.

Fai uns días chamou a unha familia a través dunha radio para preocuparse e conseguir apoio pedagóxico para un neno con atraso psicomotor. Estamos ante unha maneira diferente de actuar? 
Estamos ante unha nova Valedora. Estamos ante unha muller que coñece, valora e entende moito o traballo dos valedores anteriores porque estou absolutamente convencida de que o fixeron con ilusión e do mellor xeito posible. Agora hai unha nova Valedora. Simplemente iso. E, por suposto é diferente. 

Pois como siga lendo periódicos e escoitando a radio non lle chegarán as horas do día para atender a tanta queixa.
E que non me chegan. Eu estou aquí normalmente unhas doce horas.

De que se queixa a Valedora?
De nada. Eu son unha persoa afortunada. Teño moita sorte, non teño dereito a queixarme de nada. 

Que pensaba cando o PP falou da posibilidade de suprimir institucións como a que dirixe?
Eu tiña estudada a institución do Valedor desde o punto de vista académico. En México son asesora académica da Comisión de Dereitos Humanos do Estado de México e era unha figura moi próxima. Pensei que é unha mágoa que a xente só fixese valoracións económicas. A institución de defensa dos valores humanos, sexa o nome que sexa, non se pode medir en cartos. A nosa nin sequera é cara. É a máis barata de todo o Estado español, excepto Navarra. Fixemos as contas, temos un 1,7 millóns de orzamento e saímoslle a cada galego por menos dun euro ao ano.

Entendo que non estaba a favor de suprimir a insititución?
Por suposto. Estou moi a favor desta institución, creo que ten un alto contido social e non se pode figurar a cantidade de cousas que se arranxan nesta institución. Moitas. Ponse de acuerdo a moita xente e soluciónanse problemas que son simplemente de falar. 

Póñame algún exemplo deses problemas que arranxan só con falar coa xente?
Pois unha persoa que ten un problema co seu concello porque non lle deu resposta, pero non por mala fe, e soluciónase cunha chamada. O outro día unha persoa tiña un problema coas oposicións de guía turístico e pescudámoslle cando ía saír a convocatoria. Son moitos problemas dese tipo.

E se teño un problema có fontaneiro podo chamala?
(Rise) Non. Eu teño problemas có fontaneiro e non podo chamar á Valedora. Os problemas son coa Administración, os problemas entre particulares non os resolve esta institución. 

Cre que a sociedade é consciente da importancia do Valedor do Pobo?
Eu penso que a figura do Valedor aínda é unha gran descoñecida. Cando cheguei aquí dixen que quería facer moitas cousas. Todos queremos facer moitas cousas. Teño que dicir que conto cun equipo de persoas fantástico, teñen moito máis mérito ca min. Unha das primeiras cousas que fixen foi abrir a institución pola tarde e planificar un conxunto de visitas aos lugares para que poida ir eu e a xente póidame coñecer e expoñer as súas queixas. Aínda que pode facelo a través da páxina web ou pedindo unha entrevista como se fixo sempre, eu quero estar máis próxima. Escribimos ás sete cidades máis grandes de Galicia e a primeira que contestou foi Ourense. Será a primeira cidade galega á que vaia a Valedora para que os veciños póidana coñecer e expoñerlle os seus problemas. Quero ver á xente e que a xente me vexa. 

Atende o Goberno e as administracións ás recomendacións do Valedor ou miran cara outra parte?
Atende. A Administración colabora có Valedor moito máis do que parece. Conselleiros, directores xerais... o primeiro que fixeron foi poñerse a disposición da institución e cando temos algunha cousa que resolver, aínda que a veces non estamos de acordo, hai boa disposición coa institución.

Dicíame que está moi contenta co seu equipo, pero como ahora abre pola tarde igual o equipo non está tan contento coa Valedora?
(Rise) Ninguén protestou. É un erro pensar que a xente non quere traballar. Tes que planicar o traballo para que vexan que o que fan ten rendimento. A xente desta institución ten vocacón de servizo. Todos. 

Cales son as principais preocupacións dos galegos ou queixámonos de vicio?
Os galegos non se queixan de vicio, aínda que sempre hai algún que entra pola porta e non sabes que quere. Os galegos teñen preocupacións e problemas reais; quéixanse de que a Administración as veces non os escoita ou non contesta ás reclamacións, quéixanse de que teñen dereitos que as veces non son atendidos. 

Ourense foi no 2014 a cidade máis ‘queixadora', se me permite o termo, de Galicia. Sabe se o sigue sendo?
Iso verémolo ao final do ano cando fagamos balance. Non teño conciencia de recibir moitas máis queixas de Ourense que de outros sitios. Non temos identificado que haxa unha provincia ou cidade máis 'queixadora'. Cando un ano hai unha queixa colectiva iso fai disparar as cifras. 

Agora debe ferver a entrada coas queixas polo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo?
Si, hai algunhas, si. 

Algunhas por ser suave?
Hai algunhas, pero tampouco é algo esaxerado. A xente sabe diferenzar cando hai que ir ao Valedor. O tipo de queixa que estamos tramitando é de pacientes pola calidade asistencial e por parte dos profesionais, que reclaman exercer en condicións. 

Hai algunha queixa que lle parecese máis curiosa?
Hai moitas. Eu levo na institución pouco máis de un mes, pero leo cada día as queixas que van entrando e recordo unha que me resultou moi chamativa. Dicía: "Quéixome porque fun ao concello a pedir un papel e non mo deron". Chamei a un dos asesores pero tampouco entendía nada. 

Cantas chegan nun día?
Depende do día, porque a veces entra algunha colectiva, pero da orden de vinte ou vintecinco ao día.  Facemos unhas 2.000 actuacións ao mes, que non quere dicir que sempre terminen en queixa porque as veces son peticións de información, as veces chega con dicirlle que non somos a canle adecuada para solucionalo. Pero aínda así explicamos a quen debe acudir. Solucionamos o problema aínda que non abramos queixa. 

Vostede foi tertuliana. Pode a Valedora do Pobo falar de política?
Non sei se pode, pero non debe facelo. Esta institución ten o seu valor pola súa 'autoritas', pero non ten poder. Non é que non teña opinión, que é diferente. Ao principio da entrevista vostede me preguntaba se eu estaba sesgada en un sitio ou en outro. Eu non estou 'sesgada' hacia ningunha cousa porque ademáis sei distinguir perfectamente o que é a miña opinión persoal sobre un asunto, que a teño sempre porque son unha persoa que pensa e reflicte sobre as cousas, e como esa opinión persoal pode afectar o traballo como Valedora. Como Valedora non debo ter opinión política. 

Entón non falamos de Feijóo, Besteiro, Caballero, Beiras, Vence?
Para nada.  

E de Rajoy, Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Albert Rivera, Cataluñas as xerais?
Podemos falar pero vou sorrír. 

Te puede interesar