ECONOMÍA

Miles de gandeiros galegos claman en Santiago por medidas "urxentes" contra prezos ruinosos do leite

Esixen unha "solución política" a Goberno e Xunta ante unha crise do lácteo "histórica" na que se cobra menos en Galicia que no resto de España

Miles de gandeiros galegos, uns 15.000 segundo a organización, manifestáronse este venres polas rúas de Santiago para esixir medidas "urxentes" en defensa do sector lácteo e ante os prezos "ruinosos" que padecen, os máis baixos de toda España.

Esta multitudinaria protesta, que foi convocada pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego recentemente creada, transcorreu baixo o lema 'Pola economía do rural. Loitemos polo sector lácteo'. A ela sumáronse decenas de alcaldes e políticos de todos os partidos e membros da sociedade civil, na maior protesta do sector agrario na última década, segundo os organizadores.

A marcha partiu de Salgueiriños pasadas das 12,30 horas e percorreu diversas rúas ata a Praza da Quintana con berros como 'Feijóo escoita, estamos en loita' ou 'Xa está ben de tanto roubar, ou noso leite haino que pagar'. Todo iso mentres se oían bucinas e os manifestantes portaba pancartas por un "prezo xusto" para o leite.

En declaracións aos medios antes de arrancar a protesta, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, cualificou de crise "histórica" a que padecen os gandeiros galegos, nun momento no que o 30% das granxas reciban menos de 26 céntimos o litro, por debaixo dos custos de produción, nunha situación "insostible" na que os prezos chegan a caer a 18 céntimos o litro.

Así, Isabel Vilalba reclamou medidas "urxentes" do Goberno e da Consellería de Medio Rural, de forma que "ten que haber un peso político" para sentar coa industria e que deixe de impoñer prezos á baixa, ante os cales os gandeiros só teñen a opción de aceptalos sen negociación ou "tirar o leite".

Esta marcha pasou polo edificio da Xunta de Galicia en San Caetano para facer entrega dun escrito no que reclaman ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que "lidere" as reivindicacións de 10.000 explotacións galegas afectadas polos baixos prezos e ameazas de non recollida da industria, nun sector que xera "máis de 50.000 empregos" na Comunidade.

"BERRO DO MEDIO RURAL" E "SOLUCIÓN POLÍTICA"

Nesta liña, o líder de Unións Agrarias, Roberto García, destacou que esta convocatoria "aberta" e "sen siglas" busca lanzar "un berro do medio rural" para denunciar unha situación que "se produce soamente en Galicia" de prezos que a industria paga a produtores máis baixos que no resto de España.

Así, García recordou a importancia das bisbarras leiteiras na economía da Comunidade, e demanda en Galicia un tratamento "nin mellor nin peor" que ao resto de gandeiros españois, de forma que se poidan cubrir os custos de produción.

Ademais, cualificou de "terrorismo informativo" que se fale de que "sobra leite" tras o fin de período de cotas lácteas e a liberalización da produción, posto que o Estado é deficitario en leite e Galicia produce a metade dela en España.

Por iso, pediu ás administracións que "se cumpran as regras de xogo", de forma que "nun país no que falta leite que se recolla toda a prezo de mercado".

CONTINUARÁN MOBILIZACIÓNS

A liña seguida, Roberto García avisou de que o próximo mércores se reunirán coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, e se non se achegan medidas inmediatas, continuarán as mobilizacións, ás que se dará "outra volta de rosca", xa que debe haber unha "solución política".

Pola súa parte, o líder de Asaja Galicia, Francisco Bello, afirmou que os gandeiros "claman por algo que é de xustiza" ante "unha das peores crises" no lácteo galego, nun momento de "incerteza tremenda" pois desapareceron as cotas lácteas, pero as administracións "non fixeron ningunha previsión" para paliar esta problemática.

Así mesmo, Bello chama a atención sobre o peso do lácteo galego, que supón a metade da produción en España, con máis do 55% dos gandeiros, mentres produce case 7 millóns de litros diarios de leite. "Non pode quedar nin un só litro sen recoller en Galicia", deixou claro.

O presidente de Fruga, Xurxo Álvarez, lamentou que a situación "é máis que grave" e ten que haber unha intervención política que "poña orde" nesta desorde".

MANIFESTO NUNHA ABARROTADA QUINTANA

Nunha abarrotada Praza da Quintana, ao rematar a manifestación, pasadas as 14,00 horas o xornalista Xabier Fortes foi o encargado de ler o manifesto.

"O pasado mércores, a totalidade das forzas políticas galegas asinaban un manifesto en defensa da nosa lingua (...) "¿ Por que tardan tanto en facer o mesmo co noso agro?, ¿Que fai falta para que se asine ese documento?; "¿temos que esperar a que desapareza a vida no campo para chorar a súa perda?", exclamou.

Neste sentido, esixiu ás autoridades que "non se poñan de perfil" e, ante as futuras citas electorais, animou os presentes a "non se prestar a ningunha foto" se antes os políticos "non se comprometen, como mínimo, a asinar un documento unitario, como o que se asinaba en defensa da lingua".

"Que se esixa ás empresas, á industria, ás grandes superficies comportamentos dignos" porque "é indigno ameazar sen recoller o leite para baixar os prezos que chegan xa hoxe aos 18 céntimos". "Iso é unha inmoralidade", considerou antes de censurar que supermercados "poñan máis barato o prezo dun litro de leite que o dun litro de auga". "Unha de dúas, ou dentro dese cartón non hai leite ou dentro deses empresarios non hai alma nin hai vergoña", manifestou.

Tras iso, asegurou que "chegou o momento" de "sinalar co dedo aos responsables", "aos que se aproveitan da actual situación de desprotección dos gandeiros para tirar o prezo arruinando familias enteiras", "de sinalar marcas, de sinalar cómplices". "Hoxe estamos a padecer un desafiuzamento colectivo dos nosos gandeiros, do noso campo, paremos este desafiuzamento", apuntou.

PRINCIPAIS LÍDERES DA OPOSICIÓN E ALCALDES DO PP

Nesta protesta participaron os principais líderes da oposición como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; ou o coordinador de Anova, Antón Sánchez. Tamén acudiron, entre outros, o secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo, ou unha das cabezas visibles de Compromiso por Galicia, Rafael Cuíña.

Esta manifestación contou tamén con membros do Partido Popular como os alcaldes de Rodeiro e Curtis -que andaron tras unha pancarta unitaria de rexedores sen siglas-, así como a presenza do exconcelleiro do Concello de Santiago Luis García Belo, entre outros.

A preguntas dos medios sobre a súa presenza nesta protesta, o alcalde popular de Rodeiro, Luis López, dixo que acudiu "non en contra de ningún goberno", senón para "poñer de manifesto a situación que hai no sector", posto que en Rodeiro "o 90% das familias" viven do rural.

Pola súa banda, en declaracións aos xornalistas, tanto Besteiro, como Xavier Vence e Antón Sánchez cargaron contra a xestión política da crise do lácteo galego tanto da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, coma do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen esixen que adopte "solucións inmediatas" ou "marche".

Te puede interesar