DESAPARICIÓN

O móbil de Diana Quer, unha incógnita difícil de descifrar

Os investigadores aínda non acadaron datos do Iphone 6 da xoven madrileña desaparecida.

A unidade de Criminalística da Garda Civil en Madrid aínda non obtivo datos, pegadas ou rastros de ADN do móbil de Diana Quer atopado na ría de Arousa, en Rianxo, hai seis días.

Trátase dunha análise que se leva a cabo dende tres laboratorios e que é a prioridade para os investigadores, segundo explicaron fontes do Instituto Armado, que puntualizaron que tampouco buscan xa a sospeitosos pola súa implicación na desaparición da moza madrileña.

As citadas fontes indicaron que "non hai liñas pechadas" na investigación que apunten na actualidade a dous ou tres persoas da bisbarra coruñesa de Barbanza presuntamente relacionadas coa desaparición de Diana Quer o pasado 22 de agosto, cando veraneaba coa súa nai e irmá na Pobra do Caramiñal. De momento, insisten, a Garda Civil tampouco levou a cabo novas batidas ou buscas en pozos e outros lugares abandonados como fábricas na zona de Rianxo.

O móbil, un iPhone 6 de cor branca, foi a primeira pista material de Diana Quer tras máis de dous meses de busca infrutuosa. O aparato foi atopado accidentalmente por unha persoa que se dedicaba ao marisqueo na zona de Rianxo, onde algunhas testemuñas supostamente situaron á rapaza o día da súa desaparición, en concreto na área do muelle de Taragoña.

É un punto que os investigadores rastrexaron con anterioridade porque é aquí onde se perde de madrugada o sinal do móbil da moza madrileña. Os expertos de Criminalística traballan xa para `resucitar` o móbil cunha tripla análise, dende laboratorios diferentes, coa intención de rescatar información do terminal, atopar pegadas ou mesmo rastros de ADN.

Estas análises estanse a levar a cabo con extremada precaución debido á deterioración do móbil de Diana Quer, que estivo durante moitos días nunha zona con auga e abundante lama.

A familia de Diana Quer recibiu esperanzada a noticia do achado do móbil. "Non é o mesmo a SIM duplicada que tela fisicamente", comentou o avogado Pedro Víctor de Bernardo, convencido, tras falar cos investigadores, de que a Garda Civil atoparán novos datos de conversacións, mensaxes, fotografías ou mesmo pegadas, a pesar de que o móbil se atopa en mal estado.  

Te puede interesar