Noa Presas: “O feito nestes cinco anos é extraordinario, imos a por todas”

A ourensana continúa representando á provincia na Executiva do BNG

A deputada Noa Presas segue representando a Ourense na Executiva do BNG trala asemblea celebrada onte no Coliseum da Coruña coa participación de 3.000 militantes: "A impresión é moi positiva. Despois de tanto tempo sen encontros masivos, poder facelo case con normalidade é de agradecer para unha organización como a nosa que sen a militancia non sería nada".

O camiño non foi doado, como sinala Noa Presas cando lembra a viaxe de hai cinco anos, tamén ata a Coruña, para celebrar o anterior proceso: "No 2016 viña con sensación de preocupación porque o certo é que tanto nesa asemblea como na de 2015 a situación do BNG era de retroceso electoral, de falta de apoio social e era un momento de tomar decisións valentes e difíciles. Había preocupación por se teríamos a capacidade de reforzar o nacionalismo ou non. E agora, se botamos a vista atrás, o que fixo nestes cinco anos a militancia e o BNG é francamente extraordinario. Nós si confiábamos en que era un proxecto necesario para Galicia, pero o certo é que a recuperación foi nun tempo récord".

CONSOLIDACIÓN

Consolidado o BNG como segunda forza no Parlamento, tamén mudaron as expectativas: "Hoxe vin con confianza, pero tamén cun gran sentimento de responsabilidade porque comezamos unha nova fase na que temos moitas fortalezas pero tamén moitos retos por diante; nada máis e nada menos que afrontar as municipais e galegas nun contexto de crise económica e social. Non vai ser fácil pero chegamos ata aquí, temos un BNG fortalecido, con máis militancia, cunha forte renovación e con máis capacidade dende o ponto de vista das alternativas. Iso danos a oportunidade de non defraudar aos galegos e ir a por todas". 

Te puede interesar