Sorpresa, pánico, caos, imaxes desoladoras de vagóns ardendo, descarrilados, rotos, con cadáveres e feridos dentro e fora, nas vías. Foron imaxes dos primeiros momentos unha traxedia infinita.

Noite de pavor, de sirenas e de solidariedade nas vías de Angrois

As imaxes no lugar do sinistro minutos despois do descarrilamento eran desoladoras. Nunha noite de ceos cubertos en Compostela só se escoitaban os sons das sirenas dos vehículos policiais e bombeiros e o murmurar dos centos de veciños e curiosos que xa se amoreaban no entorno do sinistro. Moitos axudaron nos primeiros momentos ofrecendo mantas, auga e colaborando na excarcelación e auxilio das vítimas.
Unha vez todo organizado, dende o cordón policial que estableceron como liña que medios e veciños non puidemos cruzar contemplamos os traballos nas vías. E co paso dos minutos a escea, lonxe de tranquilizarse, volveuse máis trepidante. Abaixo, nas vías, divisábanse moreas de restos do tren, equipaxe e tamén os primeiros cadáveres. Ao seu carón seguían traballando os efectivos de rescate que, moi coordinados, se apuraron a entrar polas fiestras dos vagóns para sacar aos feridos. A confusión tamén reinou nestas primeiras horas. Centos de veciños do barrio mantivéronse toda a noite en Angrois para contemplar en primeira persoa o alcance da catástrofe. Entre eles atopamos tamén algúns familiares, que se desprazaron en busca de información e que protagonizaron momentos de tensión.

A todos eles os axentes deriváronos ao edificio Cersia de San Lázaro, onde se lles foi informando sobre a lista de feridos e falecidos e onde puideron recibir apoio psicolóxico de profesionais. Foi unha noite negra en Compostela na que se viviu un dos accidentes máis graves da historia ferroviaria de España, pero tamén unha noite na que as mostras de solidariedade e colaboración dos cidadáns foron constantes.

Te puede interesar