A nova lei de mobilidade busca incorporar ao Banco de Terras 320.000 parcelas de propietarios descoñecidos

A actual Xunta reivindica a súa intermediación no arrendamento de 2.080 terreos, fronte ás 1.393 do Goberno anterior
A nova Lei de mobilidade de terras, que aprobou o Parlamento de Galicia o pasado 10 de outubro cos votos a favor do PPdeG, entra en vigor este martes co obxectivo de incorporar ao Banco de Terras ata 320.000 parcelas de propietarios descoñecidos, 'de pequeno tamaño' e que - segundo a estimación da Xunta- representan unha superficie total de 5.600 hectáreas.

A posibilidade de integrar estas terras é unha das principais novidades que introduce o texto legal -que modifica o elaborado polo Goberno bipartito en 2007- e faino mediante a sinatura dun convenio coa Dirección Xeral do Patrimonio do Estado que o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, espera que se materialice 'canto antes', xa que 'esta cuestión non ten máis que beneficios para todo o mundo'.

En rolda de prensa, Juárez recoñeceu que o acordo entre ambas as dúas partes 'vai máis devagar do que gustaría' á Xunta, ao estar pendente dalgúns 'aspectos xurídicos', pero mostrouse confiado en que salga adiante porque 'o Estado gañaría unha renda mensual' ao poñer a disposición do Banco de Terras terreos que 'descoñecía que eran súas'.

O actual Goberno pretende, a través da nova norma, mellorar o funcionamento do Banco de Terras como 'instrumento útil' para 'dinamizar' o agro galego e loitar contra o abandono do medio rural.

CASE 1.000 TERREOS PARA CONCELLOS

Así, o titular do departamento autonómico quixo 'saír ao paso dalgunhas afirmacións' dos partidos da oposición, como a que acusa aos populares 'de paralizar' o Banco de Terras. 'O que se extingue é Bantegal como sociedade anónima cunha finalidade mercantil, pero o banco de terras mantense reforzado e a súa xestión incorpórase a Agader', aclarou o conselleiro.

Precisamente o cambio de natureza do organismo que xestiona o banco é o que permite a cesión de parcelas a outras administracións.

A este respecto, o director do Banco de Terras, Javier Blanco -presente na comparecencia xunto ao director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo-, deu conta da existencia de 400 solicitudes de administracións locais, e Medio Rural elevou ata unhas 1.000 os terreos susceptibles para destinar a colocación de depuradoras, cemiterios, campos de deporte e parques, entre outros usos.

TRIPLICOUSE A INCORPORACIÓN DE TERREOS DE PARTICULARES

No que leva de vida, explicou Samuel Juárez, o Banco de Terras intermediou no arrendamento de 3.473 parcelas. 'Mil trescentas noventa e tres foron do Goberno anterior e dous mil oitenta deste Goberno', sinalou. 'Acúsasenos de paralizar o Banco de Terras, pero non ten ningún sentido', apostilou.

O responsable galego subliñou, ademais, que na actual lexislatura 'o que se incrementou máis foi a incorporación de terreos de particulares', que se triplicou, ao pasar de 416 parcelas na etapa bipartita a 1.254.

En total, o Banco de Terras dispón de 8.593 terreos, das que 3.298 correspóndense con propietarios particulares e 5.925 proceden de masas comúns, tras a realización de concentracións parceiras.

'O que ten máis valor entre comiñas, o máis importante, é as incorporacións de particulares', destacou Juárez, co que quixo evidenciar a 'confianza' de agricultores e gandeiros no actual sistema.

Iso débese, segundo o titular da consellería, a modificacións na antiga lei como a derrogación do dereito de tenteo e retracto -que 'non se utilizou nunca' e xeraba 'ducias de trámites' burocráticos diarios-.

'CALQUERA SUPERFICIE CON VOCACIÓN AGRARIA'

A ampliación da base de actuación do Banco de Terras é outra das 'melloras' que introduce a nova lei. Antes, 'limitábase a terras agrarias, e había moita indefinición nesta materia, porque moitos concellos non teñen planificación', apuntou Juárez, para resaltar que 'agora, calquera superficie con vocación agraria' -xa sexa agraria, forestal ou 'mesmo urbana'- poderá cederse ao banco de terras.

'Non ten ningún sentido dicir que favorecerá a forestación de terras agrarias, porque os destinos terán que ser os que legalmente poidan ter as terras', afirmou o conselleiro en alusión a protestas como as que protagoniza o Sindicato Labrego Galego (SLG).

A este respecto, comentou que existe 'demanda' tamén para utilizar terreos con 'usos ambientais' e de 'conservación da natureza'

Aínda sobre as críticas sobre fomento da forestación, Samuel Juárez recoñeceu que 'é verdade que existe' este proceso en terreos de uso agrario, pero considerou que 'o lóxico' é que o 'labor de coidar' que isto non aconteza 'se priorizar'. 'En toda Galicia ao mesmo tempo é inabarcable', argumentou, para xustificar que a Xunta marque como 'prioridades' zonas con especial interese para a produción.

Por iso, a lei que entra en vigor este martes establece a posibilidade de decretar 'zonas de actuación agraria prioritaria' -elimina as de especial interese agrario-, coa finalidade de 'actuar con máis intensidade' nelas na oferta de parcelas para o desenvolvemento das súas actividades -gandeiras ou de viñedo, por exemplo-, 'como un servizo á carta'.

Te puede interesar