Unha nova sentenza do TSXG ratifica a anulación de parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo

Unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre un recurso presentado polo sindicato STEG ratifica a anulación de parte de dous artigos do chamado decreto do plurilingüismo.
En concreto, trátase do punto relativo a que a lingua materna predominante do alumnado en educación infantil será determinada de acordo ao resultado dunha pregunta que se efectuará os pais (5.2), e ao artigo que permite aos estudantes expresarse no idioma da súa preferencia na aula (12.3).

Así sinalouno STEG, quen agradeceu este 'triunfo do sentido común', e pediu tanto a retirada da norma como a dimisión do responsable educativo, Jesús Vázquez, pois considera que o TSXG elimina 'elementos esenciais da política lingüicida do goberno galego'.

Por outro lado, rexeitan a interpretación que realizou a Xunta das sentenzas emitidas ata o momento, ao dicir que o tribunal 'non declara ilegal a consulta'. Deste modo, esixen a apertura dun proceso de diálogo real con toda a comunidade educativa e o resto da sociedade para recoñecelo ao galego 'o espazo que lle corresponde na educación'.

Pola súa parte, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non quixo facer declaracións ao respecto de este novo fallo xudicial.

Te puede interesar